Investimentos de máis de 4 millóns de euros da Deputación en política social para facer fronte á crise

Pontevedra
22 de xuño 2021

Carmela Silva, presidenta da Deputación, anunciaba que o investimento se incrementa nesta área nun 3% respecto a 2020 coa intención de colaborar cos municipios de menos de 20.000 habitantes e con entidades sociais que traballan con persoas en situación de especial vulnerabilidade

Olga Ballesteros e Carmela Silva presentan as liñas de axuda de Política Social Deputación de Pontevedra

Carmela Silva, presidenta da Deputación e a responsable de Política Social na institución, Olga Ballesteros, presentaban os investimentos en materia social que se afrontan desde a entidade durante este 2021 para facer fronte á crise provocada pola pandemia en determinadas áreas.

Destínanse máis de 4 millóns de euros, un 3% máis que en 2020, dirixidos a municipios de menos de 20.000 habitantes e a entidades sociais que traballan con persoas de especial vulnerabilidade

A presidenta provincial destacaba o enorme esforzo realizado por este servizo para adiantar os prazos e publicar as sete liñas de financiamento ao mes de xaneiro, cando normalmente se publican no boletín oficial da provincia para mediados de marzo.

Silva sinalou que se adiantou dous meses esa convocatoria porque hai "moita xente que precisa de axudas canto antes"  como consecuencia da situación provocada pola pandemia.

Trátase de sete liñas de colaboración:

1. Nominativas a entidades sociais, dotada con 372.000 euros e destinadas a 23 organizacións para que desenvolvan os seus programas relacionados cunha atención específica en relación a emprego, alfabetización, atención de diversidade funcional. Entre as entidades que reciben estas axudas atópanse Érguete, Cogami, Xoga, Down Xuntos Pontevedra, AECC ou a Fundación Unicef.

2. Plan de cofinanciamento de servizos sociais comunitarios municipais, con 2,5 millóns de euros, 133.000 máis que en 2020. Van destinados ao servizo de axuda no fogar básico e para contratación de persoal de servizos sociais nos  concellos. Unha novidade neste apartado é que os municipios poden solicitar o adianto do 50% do importe que lles corresponde do plan.

3. Subvencións por concorrencia. Neste caso destínanse 470 mil euros para diversas entidades. Este ano presentáronse 120 solicitudes que poden aspirar a un importe máximo de 7.000 euros, mil máis que en 2020. Os recursos destínanse a fins terapéuticos para persoas con diferentes patoloxías como enfermidades mentais ou parálise cerebral.

4. Os 52  concellos con menos de 20.000 habitantes poderán contar con liñas básicas de emerxencia. Destínanse 565.000 euros, cen mil máis que o ano anterior. E neste caso tamén se adianta o 50% dos  reucrsos. Neste caso trátase de axudas para gastos de alimentación, vivenda, produtos farmacéuticos e outras necesidades básicas entre as que se inclúe, este ano, a adquisición de roupa e calzado ou de materiais sanitarios anti-covid.

5. Teleasistencia. A través deste sistema aténdese a máis de 700 persoas dos 52  concellos. A este apartado destínanse 175.500 euros anuais e o programa finánciase ao 50% cos  concellos.

6. Cursos de español para inmigrantes. A  Deputación encárgase de ofrecer estas sesións para axudar á poboación inmigrante a adquirir a nacionalidade española.

7. Trátase dunha liña nova para financiar a calquera tipo de organización non gobernamental cunha dotación para este apartado de 45.000 euros. 

Carmela Silva lembrou tamén que en 2020 destináronse 1,2 millóns da institución provincial dentro dun apartado de axudas extraordinarias para reforzar servizos de atención ao fogar, para alimentación e pago de gastos correntes de concellos de menos de 20.000 habitantes como a desinfección de espazos públicos e de centros educativos, para adquirir material  anti- covid ou a instalación de biombos en edificios públicos.

A presidenta provincial lembrou o esforzo que realizou a Deputación e criticou a falta de repartición de recursos por parte da Xunta entre os municipios, aos que recoñeceu que todos os concellos da provincia "goberne quen goberne, fixeron un esforzo enorme de atención á xente máis vulnerable", concluíu.