Investimento municipal de 159.000 euros para actuar en camiños en Troáns, Cuntis, Magáns e San Mamede

Umia
02 de agosto 2022

O Concello de Cuntis investirá nos vindeiros meses 159.000 euros no acondicionamento de diversas estradas nas parroquias que forman parte da rede viaria interior do municipio e que rexistran unha alta concentración de tráfico ao seren utilizadas pola poboación local

Arranxo de camiños no rural de Cuntis Concello de Cuntis

O Concello de Cuntis investirá nos vindeiros meses 159.000 euros no acondicionamento de diversas estradas nas parroquias que forman parte da rede viaria interior do municipio e que rexistran unha alta concentración de tráfico ao seren utilizadas pola poboación local.

Os camiños nos que actuará o Concello son o de A Torre, en Sobrada, na parroquia de Troáns; Magáns, en Estacas; Piñeiros, Chapín na parroquia de Cuntis e Soutelo, Guimarei na parroquia de San Mamed de Piñeiro.

Estes traballos, que se executarán con cargo a unha subvención da Deputación de Pontevedra dentro do Plan Concellos, permite ao goberno local de Cuntis complementar os traballos de mantemento dos camiños rurais que xa executa durante todo o ano. 

"Temos unha rede viaria moi amplia da que estamos moi pendentes para mantela nas mellores condicións posibles", explica Manuel Campos, que entende este importante investimento como "unha aposta clara e decidida polo rural e polas persoas que elixen a calidade de vida que supón vivir fora das vilas; facilitarlles uns servizos de calidade é unha prioridade para nós como goberno", conclúe.