A alcaldesa de Marín, María Ramallo, informou este martes de que a Mesa de Contratación avaliou as 8 empresas presentadas ao proceso de licitación do proxecto de posta en valor do Lago Castiñeiras, resultando a máis vantaxosa a de Caldevergazo, que será proposta para a súa adxudicación.
O Concello de Marín investirá 196.578 euros neste proxecto de mellora que se centra na reordenación dos espazos nos que conviven o tráfico peonil co rodado e na posta en valor da contorna do vaso hidráulico, que ten grandes posibilidades.
Para iso, actuarase en distintas zonas, tendo en conta a mellora da accesibilidade e a creación de itinerarios seguros para os peóns. Unha desas zonas será a de diante do lago, onde se crearán dúas zonas separadas por un murete de pedra no que as persoas poderán sentarse a descansar e que serve como protección fronte ao tráfico. Á súa vez, o pavimento da zona peonil diferenciarase da estrada e dará continuidade aos sendeiros.
Tamén se mellorará o pavimento do paseo que hai diante do lago e instalaranse bancos na zona central. Toda a subida entre o lago e o aparcamento converterase nun agradable sendeiro, con espazo separado para peóns e tráfico rodado.
Asemade, crearase unha zona de aparcadoiro específica e aproveitando a pendente natural do terreo habilitarase unha especie de auditorio ao aire libre con graderío de pedra, que permitirá albergar actividades e actuacións. Nunha zona moi próxima ao lago habilitarase unha estancia na que se colocarán mesas e bancos.