A concelleira de Protección e Seguridade Cidadá, Eva Vilaverde, recepcionou este mércores no Parque de Bombeiros de Pontevedra, os derradeiros equipos adquiridos dentro do plan de renovación e mellora de material do corpo local, co fin de aumentar a seguridade e mellorar as condicións de traballo dos seus integrantes.
Así, o Concello de Pontevedra recibiu corenta arneses e corenta máscaras que supoñen unha mellora dos equipos existentes, cubrindo a toda a plantilla "pasando a ser equipos individuais".
Tamén se inclúen nestas novas adquisicións sete equipos autónomos de última xeración (Arnés do PSS® AirBoss) con superficies reflectantes nos acolchados dos ombreiros e do cinto, aumentando a visibilidade dos bombeiros desde calquera posición.
Estes equipos especiais inclúen luces de aviso a compañeiros, amosando o ‘estatus’ actual do bombeiro en todo momento a través de diferentes cores de advertencia, informando en tempo real do nivel de presión da bomba de osíxeno; amais de poder solicitar axuda co botón do manómetro electrónico. Ademais das advertencias visuais, o equipo tamén pode emitir advertencias acústicas se se detecta ausencia de movemento, un estrés térmico alto, a ausencia de aire ou a activación do sinal de socorro.
No referido as novas máscaras, estas contemplan un maior nivel de seguridade no acople ao casco co sistema Q-Fix, xa que hai que non se desacoplan accidentalmente.
Doutra banda, tamén foron mercadas dúas máquinas de lavado e hixienización PPE e WASH9 para os novos equipos. Son máquinas automáticas e programadas segundo o procedemento de hixienización do fabricante dos EPIS, con valores predeterminados de temperatura e dosificación dos axentes químicos de limpeza para cumprir coas instrucións de uso dos equipos de protección e respectar os materiais dos equipos, garantindo a duración e vida útil a longo prazo dos mesmos.
O Concello de Pontevedra realizou un investimento total de 72.000 euros nestes novos equipos para o servizo de extinción de incendios.