Investigan un roubo de diñeiro na igrexa da Virxe do Camiño

Pontevedra
04 de decembro 2023

O ladrón ou ladróns levaron diñeiro e, en principio, non forzaron ningunha das vías de acceso para entrar. A media mañá deste luns aínda non había denuncia oficial polo roubo, pero a Policía Nacional xa tiña constancia do mesmo e empezara a investigación. O párroco calcula que puideron levar preto de 400 euros

Igrexa da Virxe do Camiño de Pontevedra Victoria Regueira

A Policía Nacional de Pontevedra ten aberta unha investigación para aclarar un roubo cometido na igrexa da Virxe do Camiño durante a fin de semana. O ladrón ou ladróns levaron diñeiro e, en principio, non forzaron ningunha das vías de acceso para entrar. 

Fontes policiais confirmaron que a media mañá deste luns aínda non había denuncia oficial polo roubo, pero si teñen constancia do mesmo e teñen en marcha a investigación. 

O párroco deuse conta do roubo este domingo e alertou á Policía. Segundo relatou, calcula que os ladróns puideron levar preto de 400 euros. 

Segundo a información da que dispón a Policía Nacional, o domingo os sobres con diñeiro para Cáritas apareceron baleiros e caixas do templo, revoltas. 

Os ladróns levaron fundamentalmente ese diñeiro destinado a Cáritas e tamén algún dos premios dunhas rifas que ten en marcha a parroquia. 

Unha das hipóteses que se manexa é que os ladróns puideron quedar dentro do tempo durante algún acto litúrxico ou actividade da parroquia para logo perpetrar o roubo, pero de momento, todas as posibilidades están abertas.