A Garda Civil de Moaña mantén aberta unha investigación para aclarar un roubo con forza cometido a pasada madrugada nun concesionario de coches de Vilaboa.
Os responsables do concesionario presentaron denuncia polo roubo das 32 rodas de 8 vehículos estacionados no recinto do negocio.
Así, os ladróns accederon ao recinto exterior do concesionario, que está valado. Cortaron e forzaron o valo, de modo que se trata dun roubo con forza.
Ademais de levar as rodas, segundo a información facilitada pola Garda Civil de Pontevedra, causaron danos nos vehículos, ao deixalos apoiados no chan ou sobre pedras.
A Garda Civil mantén aberta a investigación para localizar aos autores e establecer os detalles do roubo, que se rexistrou nalgún momento entre as 20.00 horas do mércores e as 9.00 horas do xoves, o tempo no que o negocio estivo pechado.
O concesionario afectado é o da marca Mercedes situado na estrada de Vigo, no termo municipal de Vilaboa.