Investigan as queixas de familias do colexio Campolongo por "situacións tensas" cunha profesora de sexto

Pontevedra
15 de outubro 2024
Actualizado: 12:06

Falan de berros, ameazas e comportamentos pouco axeitados e puxérono en coñecemento do centro e da Inspección Educativa. "Está a tentarse reconducir o funcionamento da aula", di Educación

CEIP Campolongo de Pontevedra Xunta de Galicia

A Inspección Educativa investiga unha serie de queixas presentadas por familias do colexio Campolongo de Pontevedra sobre a forma de actuar dunha profesora nunha aula de sexto curso de primaria. Os pais falan de berros, ameazas e comportamentos pouco axeitados cara aos nenos e xa o puxeron en coñecemento do propio centro e de inspección.

Familias que denunciaron a situación a PontevedraViva explican que a unha alumna deulle "un toque coa regra nas mans" e que houbo "ameazas de darlle coa regra na man a outras dúas nenas". Tamén refiren berros constantes nos que "se lles pega á cara para gritarlles, con moitísima rabia".

Así, refiren unha situación na aula moi tensa que provocou que unha nena teña "ansiedade" e, cando chega á porta do colexio, "non quere entrar" . Son estudantes de sexto de primaria que, segundo os pais, "xamais tiveron problemas para ir ao colexio" e agora mesmo "van con medo".

Fontes oficiais da Consellería de Educación confirman que a Inspección Educativa recibiu queixas sobre "situacións tensas" na aula e "está a analizar a situación", unha vez que xa se reuniu tanto coas familias como coa docente afectada e co equipo directivo do centro.

"Neste momento, está a tentarse reconducir o funcionamento da aula, coa colaboración da orientadora do centro", explican desde Educación.

Unha das nais que formulou estas queixas relata que, desde a semana pasada, a profesora "está máis tranquila".

Este martes está prevista unha reunión de todos os pais e nais con alumnado na clase afectada coa dirección e a xefatura de estudos do centro, e están a preparar unha serie de escritos de queixa de toda a clase, tanto de forma individual como un conxunto, para enviar á Inspección e á Xefatura Territorial de Educación en Pontevedra. 

As familias tamén trasladaron o ocorrido á asociación de nais e pais (ANPA) do centro. A súa presidenta, Teresa Hernández, confirma que teñen "coñecemento" desta situación, aínda que a entidade non adoptou ningunha medida ante a situación relatada porque "xa os pais as adoptaron" ao falar co centro e coa Inspección. No caso de que fose necesaria a súa intervención, sinalan que "por suposto" actuarían, pero non se deu o caso.