Investigadores xaponeses percorren Pontevedra para coñecer a súa transformación urbana

Pontevedra
12 de febreiro 2024

Unha delegación xaponesa da Asociación Internacional de Ciencias (IATSS) están a pasar uns días en Pontevedra para coñecer o seu proceso de transformación urbana. Forma parte dunha investigación que están a facer en relación coa mellora da mobilidade das cidades.

Visita a Pontevedra dunha delegación xaponesa da Asociación Internacional de Ciencias Concello de Pontevedra

Unha delegación xaponesa da Asociación Internacional de Ciencias (IATSS) están a pasar uns días en Pontevedra para coñecer o seu proceso de transformación urbana. Forma parte dunha investigación que están a facer en relación coa mellora da mobilidade das cidades.

Os investigadores, que están na cidade desde o sábado, mantiveron este luns un encontro co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores. El foi o encargado de saudar a Takeru Shibayama, investigador senior no Instituto de Transporte da Universidade Tecnolóxica de Viena.

A delegación puido escoitar de primeira man o proceso de transformación da cidade, tanto nas palabras do rexedor como do director xeral de Seguridade, Daniel Macenlle.

Shibayama vén acompañado por outros dous profesores de distintas universidades do Xapón e a súa intención é centrar a investigación na mellora da mobilidade das cidades e os indicadores chave de rendemento pertinentes utilizados na elaboración e supervisión de políticas. 

Nas súas palabras, a delegación indicou que queren comprobar "como melloraron as cidades pioneiras na mobilidade a pé na cidade e que tipo de indicadores e métodos de avaliación utilizaron para isto". 

Ademais da distinta documentación que lle foi entregada durante a xuntanza, o director xeral de Seguridade realizoulles unha visita guiada polo centro da cidade para comprobar in situ os distintos fitos acadados por Pontevedra. 

Pola súa banda, o alcalde da Boa Vila amosouse moi compracido por seguir espertando o interese de distintas organizacións e universidades internacionais.

"Neste caso quixeron coñecer o modelo de Pontevedra pola proxección acadada e están neste intre percorrendo a cidade e estudando que fixemos e como o fixemos", indicou.