Investigadores do Areeiro participarán nun estudo europeo contra a epidemia que ameaza os cítricos

Pontevedra
23 de xullo 2020

A trioza ou psila africana é un insecto que está a poñer en risco as plantacións de cítricos a nivel mundial. Transmite a coñecida como "enfermidade do dragón amarelo", unha praga que afecta a froitas como o limón, a laranxa ou mandarina. Loitar contra esta epidemia é o obxectivo dun estudo europeo no que participarán investigadores pontevedreses

Sinatura do convenio entre a Deputación e o CSIC

A trioza ou psila africana é un insecto que está a poñer en risco as plantacións de cítricos a nivel mundial. Transmite a coñecida como "enfermidade do dragón amarelo", unha praga que afecta a froitas como o limón, a laranxa ou mandarina. Loitar contra esta epidemia é o obxectivo dun estudo europeo no que participarán investigadores pontevedreses.

Os laboratorios da Estación Fitopatolóxica de Areeiro serán os responsables da cría deste insecto, a partir do que se farán ensaios de laboratorio para coñecer o seu comportamento.

Isto será posible grazas ao convenio de colaboración que a Deputación de Pontevedra asinou este xoves co Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC), que permitirá financiar esta investigación durante un ano.

A través deste estudo, ademais de coñecer como se comporta o insecto, os investigadores analizarán o seu ciclo de vida e as temperaturas máximas e mínimas que soporta, coa finalidade de determinar o seu desenvolvemento, distribución, bioloxía e fenoloxía para adaptar medidas para o seu control e contención.

Trátase dunha investigación pioneira xa que, ata o momento, puxéronse en marcha programas e plans que non deron os froitos esperados, dispersándose a praga.

Ademais, a través deste proxecto preténdese minimizar o impacto da HLB, a enfermidade máis grave dos cítricos, impedindo a súa extensión xa que produciría a morte e redución dos cítricos, con importantes perdas económicas e o encarecemento dos produtos.

En Europa, a trioza detectouse por vez primeira en 2002 nas Illas Canarias e en territorio continental europeo en 2014 na provincia de Pontevedra. De feito foi Areeiro quen por primeira vez publicou a súa detección. O insecto, moi sensible ao calor e ao clima seco, atopou nas Rías Baixas unhas condicións climáticas axeitadas para a súa supervivencia.

Así, nestes momentos, trátase dunha praga regulada pola Unión Europea, que provoca a enfermidade do HLB, con deformacións nos brotes e follas dos cítricos, coloracións variadas nas froitas e deteriorando a súa calidade e sabor.

Provoca tamén necroses e o debilitamento da árbore, reducindo a calidade e cantidade da súa produción e chegando mesmo ata destruíla por completo. 

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, celebrou que a provincia de Pontevedra sexa un "referente" en materia de investigación e destacou que "temos moi claro que o mundo local ten que ter a opción de participar en cuestións globais como esta".

Pola súa banda a vicepresidenta de Organización do CSIC, Rosina López-Alonso, apuntou a experiencia "moi importante" de Areeiro con respecto ao insecto e amosou o desexo de que xurdan resultados "moi interesantes" para controlar as pragas que produce, "que poden ser moi negativas para os cítricos".