Investigadores de nove países proban unha innovadora aliaxe de aluminio e silicio en Cuntis e Vilagarcía

Umia
24 de xuño 2022

Esta aliaxe é máis lixeira que o aluminio e con mellores propiedades técnicas con aplicacións nos sectores aeronáutico, ferroviario e industrial. En Europa só hai un fabricante en Reino Unido

Proban unha innovadora aliaxe de aluminio e silicio en Rey Bronze Castings en Cuntis CITMAga

Investigadores procedentes de nove países de Europa, África e Estados Unidos reuníronse estes días na facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago para poñer en común os avances no proxecto europeo SisAl Pilot.

Buscan a produción de silicio de calidade con baixo impacto ambiental. No noso país, os investigadores que participan no proxecto están adscritos ao Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga), impulsado polas tres universidades galegas.

Esta semana os participantes neste encontro visitaron as instalacións de Fundiciones Rey en Vilagarcía de Arousa e de Rey Bronze Castings en Cuntis, co fin de ver en funcionamento este proxecto piloto. 

Seleccionouse a Fundiciones Rey para realizar as probas deste proxecto porque están a desenvolver un novo produto, unha aliaxe de aluminio e silicio con aplicacións específicas en aeronáutica, debido a que é máis lixeira que o aluminio e con mellores propiedades técnicas.

Na actualidade non existe ningún fabricante desta aliaxe en España e tampouco en Europa, excepto unha empresa do Reino Unido; a súa produción mundial limítase practicamente a China. Así, a empresa galega incorporouse a este proxecto para favorecer o seu lanzamento a este novo e prometedor mercado.

Nestes momentos o produto atópase nunha "fase de desenvolvemento forte". "Xa se realizaron varias probas e os resultados son moi positivos", indica Javier Bullón que é o coordinador industrial en España deste proxecto internacional, como director xeneral de SilBuCam, empresa consultora galega especializada en procesos metalúrxicos.

Este experto sinala que "este proxecto é unha demostración de que Galicia está no primeiro nivel en canto á participación en proxectos europeos innovadores".

Logo de dous anos de inicio do proxecto, Luís Carlos Rey, xerente de Fundiciones Rey valorou que "estamos moi satisfeitos e sorprendidos cos bos resultados que estamos a obter".

"Interésanos traballar con novos materiais, en particular con esta aliaxe de aluminio e silicio, coa que non temos experiencia, co propósito final de poder fabricar pezas de interese para o sector aeronáutico, ferroviario e para a industria en xeral", apuntou.