Investigadores de Forestais e da Misión Biolóxica estudian como mellorar a resistencia do millo a pragas e secas

Pontevedra
23 de setembro 2023

Cunha demanda crecente nos últimos anos, a produción deste cereal vese exposta a diferentes factores de estrés ambiental, como as pragas ou as secas, eixe das investigacións que desenvolven Carlos Souto, da Escola de Enxeñaría Forestal do campus de Pontevedra, e Rogelio Santiago, da Misión Biolóxica de Galicia, con sede en Salcedo

Rogelio Santiago e Carlos Souto Universidade de Vigo

A súa importancia para a produción tanto de alimentos como de pensos fai do millo un dos cultivos máis importantes do mundo.

Segundo os datos da FAO, a Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura, a produción global de millo en 2022 se situou nos 1.200 millóns de toneladas.

Cunha demanda crecente nos últimos anos, a produción deste cereal vese exposta a diferentes factores de estrés ambiental, como as pragas ou as secas, eixe das investigacións que desenvolven Carlos Souto, da Escola de Enxeñaría Forestal do campus de Pontevedra, e Rogelio Santiago, da Misión Biolóxica de Galicia, con sede en Salcedo. 

Ambos coordinan un proxecto de investigación, financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación, centrado en profundar, explican, "no coñecemento dos mecanismos bioquímicos e fisiolóxicos de resistencia do cultivo do millo fronte a estreses bióticos" como o trade, unha avelaíña considerada unha das principais pragas do millo.

Por outra banda, a análise dos "mecanismos fisiolóxicos e bioquímicos" que permitan xerar plantacións "máis tolerantes ás secas" centra a investigación que coordinan Souto e Santiago no marco do proxecto europeo Dromamed. 

Coa participación de universidades e institutos de investigación de oito países, trátase dun proxecto que abrangue tamén o traballo con agricultores de diferentes países do Mediterráneo. Neste caso, explican, trátase dun proxecto que pon o foco nuns condicionantes ambientais, "agravados polo cambio climático e as perspectivas de futuro", como sinala Souto, que se insiren no chamado "estrés abiótico" que pode sufrir esta especie.