Intervidos 850 quilos de peixe conxelado sen documentar no Porto de Marín

Marín
16 de maio 2023

O vehículo no que era transportado non respectaba a cadea de frío

Garda Civil no Porto de Marín Diego Torrado

Unha patrulla de Fiscal e Fronteiras de Garda Civil interveu 850 quilos de peixe conxelado no interior do porto de Marín.

Segundo informaron fontes oficiais do Instituto Armado a intervención produciuse o pasado luns, 8 de maio, os axentes deron o alto a unha furgoneta ao visualizar que portaba mercadoría na parte dianteira.

Tras identificar o condutor, un home residente en Cambados de 44 anos, os gardas civís rexistraron o vehículo que levaba no seu interior 46 caixas de 18 quilos de peixe conxelado cada unha.

O condutor explicou aos axentes que o peixe procedía do quiñón de catro tripulantes dun buque de pesca de altura, pero non tiña ningún documento da compra da mercadoría.

Por iso e por non respectar a cadea de frío xa que parte do peixe estaba no asento do copiloto, a Garda Civil procedeu a realizar unha denuncia e á aprehensión da mercadoría que quedou depositada e precintada nos conxeladores dunha empresa do porto de Marín.

Con esta actuación evitouse a venda de peixe que non cumpría as condicións hixiénico-sanitarias pertinentes, ao non respectarse en todo momento a cadea de frío.