A Garda Civil do Grove interceptou o pasado domingo, 14 de abril, un camión isotérmico con matrícula portuguesa con 1.674 quilos de ameixa xapónica sen documentación.
Unha patrulla de seguridade cidadá localizouno na estrada PO-316 mentres realizaba un control. Os axentes déronlle o alto e comprobaron que levaba como unha gran cantidade de sacos de ameixa xapónica.
Os axentes pediron ao condutor a documentación para o transporte e el recoñeceu que carecía dela, argumentando que trae a ameixa desde Portugal e o destino é unha depuradora da comarca do Salnés.
A patrulla púxose en contacto coa confraría de Pescadores do Grove e trasladou o camión á lonxa para pesar os sacos. Resultaron ser 93 sacos de ameixa xapónica e entre os bivalvos localizados algún non daba a talla.
A mercadoría, cun peso total de 1.674 quilos, interveuse e tanto a ameixa como o vehículo quedaron depositados na lonxa ao dispor de vixilancia pesqueira de Vilagarcía de Arousa da Xunta de Galicia.
O condutor foi denunciado por infracción á normativa sobre pesca e a Garda Civil contactou cos departamentos de Sanidade e Medio Ambiente da Xunta de Galicia.