O servizo marítimo da Garda Civil interveu 49 nasas de marisco sen ningún tipo de identificación que estaban fondeadas a media milla da praia de Aguete (Marín), en plena ría de Pontevedra.
A incautación, realizada pola embarcación Corvo Mariño, produciuse á unha da tarde de onte, segundo informa o instituto armado nun comunicado.
As nasas atopábanse sen os boiaríns de identificación, que son os precintos onde figura o folio da embarcación á que pertencen.
Todas elas foron retiradas do mar e foron entregadas ao servizo de gardacostas da Xunta de Galicia para o seu depósito.
A sanción á que se enfrontaría o propietario, en caso de ser localizado, sería a unha multa de entre 300 e 6.000 euros por infracción á lei de pesca de Galicia.