Interior aísla o centro penitenciario da Lama polo coronavirus

A Lama
13 de marzo 2020

Institucións Penitenciarias amplía as restricións de acceso a todos as prisións. Suspéndense as visitas que non se realicen en locutorio. Só se permitirá o acceso ao persoal laboral ou funcionario e ao persoal extrapenitenciario cuxa labor sexa imprescindible

Centro Penitenciario da Lama Mónica Patxot

O Ministerio de Interior decidiu aplicar este xoves medidas de restrición de movementos aos seus Centros de Inserción Social e aos seus 69 cárceres, entre elas o centro penitenciario da Lama.

A Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias, en coordinación co Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias do Ministerio de Sanidade, tomou este xoves a decisión de ampliar a todos os centros penais as medidas adoptadas o pasado martes para conter o coronavirus e que afectaban as prisións de Madrid, Áraba, Logroño, Ocaña, Burgos e Dueñas.

A partir de agora, estarán prohibidas todas as comunicacións familiares, de convivencia e íntimas (coñecidas como vis a vis) e só se permitirá aos presos contactar cos seus familiares, amigos e avogados a través de locutorios separados por un biombo de cristal. A asistencia de avogados ou relixiosos tamén será nestes espazos. Ademais, só poderán acceder desde o exterior os funcionarios de prisións, traballadores ou persoal extra penitenciario "cuxa labor sexa imprescindible". Non poderán entrar, por exemplo, voluntarios de ONG ou outras entidades colaboradoras.

En canto á actividade docente estarase ao disposto polas diferentes administracións educativas e tamén se suspenden os traslados intercentros, salvo aqueles que obedezan a razóns excepcionais, sanitarias ou xudiciais.

No penal da Lama non se rexistrou ningún positivo por COVID-19

Cancélanse as saídas programadas, así como o resto de saídas tratamentais, que se comunicarán a Vixilancia Penitenciaria no caso de que fosen autorizadas polo devandito órgano.

Estas decisións non implican a suspensión dos permisos penais nin as saídas do artigo 100.2 do Regulamento Penal, de actualidade estes días por estar acollido a esta medida o cuñado do Rei, Iñaki Urdangarín. Con todo, todos os ingresos de liberdade ou de permiso terán que permanecer en observación sanitaria en módulos separados do resto de internos.

Os penados en terceiro grao, residentes nos Centros de Inserción Social ou seccións abertas dos centros penais, continuarán co seu réxime de semiliberdade.

No penal da Lama non se rexistrou ningún positivo por COVID-19 e mantéñense as medidas de carácter sanitario ante un positivo ou un caso de sospeita, que se decretaron o pasado 4 de febreiro, entre elas o illamento en cela individual mentres se dá traslado do caso á autoridade sanitaria para a súa avaliación e a toma de medidas ou a comunicación inmediata á autoridade sanitaria e xudicial se se decreta a liberdade dun caso confirmado ou de sospeita.

TRABALLADORES PIDEN MEDIDAS PREVENTIVAS

A maiores destas medidas, o sindicato ACAIP-UXT solicitou dotar a todos os módulos e oficinas de máscaras de protección, dispensadores de xel con solución hidroalcohólica para hixiene de mans, panos desbotables e contedores de residuos con tapa de apertura con pedal, entre outros materiais.

Ademais, reclaman dispoñer de equipos EPI desbotables, con protección respiratoria, ocular, facial e corporal e dotar dos mesmos a determinados lugares de traballo que o esixan de forma preventiva como enfermería, comunicacións e ingresos.