Unha delegación chegada desde A Habana está de visita en Pontevedra. Son membros da Oficina do Historiador da capital cubana e quixeron acudir á Boa Vila na busca de inspiración para humanizar diferentes ámbitos da súa cidade.
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, deulle a benvida ao grupo, para logo quedar en mans do director xeral da Área de Urbanismo e Servizos Xerais, José Manuel Tato, que lles explicou aos visitantes os diferentes elementos ou aspectos destacados da transformación
A visita puxo o foco nas políticas de socialización dos espazos públicos e no acceso ao casco histórico de todos os usuarios, entre eles habitantes, proveedores ou visitantes.
Esta visita estivo financiada pola Axencia Española de Cooperación Internacional, co obxectivo de coñecer a cidade e o seu funcionamento, así como a transformación realizada ao longo das dúas últimas décadas.
ENTREVISTA EN ESTADOS UNIDOS
Pola súa banda, a canle norteamericana Bloomberg está a traballar na realización dunha reportaxe especial sobre cidades que "tiveron éxito" no mundo que habitamos. Entre as urbes escollidas como modelo de boas prácticas está Pontevedra.
O xornalista e correspondente de Bloomberg en España, Alonso Soto, entrevistouse co rexedor da cidade para logo realizar un paseo conxunto polas rúas e prazas da cidade e achegarlle Pontevedra aos seus espectadores e lectores na futura peza que montará.
A reportaxe formará parte do ciclo Ask a Mayor, que ten como base preguntarlle aos alcaldes de diferentes cidades do mundo que fixeron e que plans levaron a cabo para que a súa vila sexa hoxe un referente internacional e posúa unha serie de elementos recoñecibles e sinalados.