Interceptan un condutor sen carné e cun adhesivo falso da ITV

Bueu
26 de marzo 2021

O condutor deberá responder ante a xustiza, en concreto no xulgado de instrución de garda de Cangas do Morrazo, por un delito contra a seguridade viaria e por un delito de falsidade documental

Coche interceptado en Moaña tras seren avistado en Bueu Guardia Civil de Pontevedra

Un home de 38 anos, veciño de Moaña, foi interceptado tras ser avistado en Bueu e darse á fuga a pesar dos avisos da Policía Local para que detivese a súa marcha. 

Coa asistencia dunha patrulla de Tráfico da Garda Civil, o condutor foi inmobilizado á altura do quilómetro 6 da autovía AG-46, xa no termo municipal de Moaña.

Tras identificalo, os axentes comprobaron que perdera todos os puntos do carné de conducir e que o seu coche non pasara a ITV desde o ano 2015.

Para ocultar esta infracción, levaba na parte superior dereita da lúa dianteira un adhesivo falso co período de validez en vigor.

O condutor deberá responder ante a xustiza, en concreto no xulgado de instrución de garda de Cangas do Morrazo, por un delito contra a seguridade viaria e por un delito de falsidade documental.