Interceptan un autocaravanista alemán que se fixo pasar por mariscador e colleu 8 quilos de ameixa en Poio

Poio
20 de xuño 2019

A Policía Local de Poio e os gardapescas da Confraría de Pescadores de San Telmo de Pontevedra interceptárono na praia da Reiboa. Estaba na zona de paso nunha autocaravana na que tamén viaxaba a súa familia. Será denunciado por unha infracción administrativa

Efectivos da Garda Rural e a Policía Local de Poio na Reiboa Policía Local de Poio

A Policía Local de Poio e os gardapescas da Confraría de Pescadores de San Telmo de Pontevedra interceptaron a un home de nacionalidade alemá que, aproveitando que estaba de turismo na zona, baixou á praia da Reiboa e colleu oito quilos de ameixa japónica. 

O home chegou a Poio xunto á súa familia en autocaravana e tiña o vehículo, con placas de matrícula alemás, estacionado no aparcadoiro da Reiboa, segundo a información facilitada pola Policía Local de Poio. 

Os policías e vixiantes da confraría interceptárono na mañá deste mércores 19 de xuño cando estaba a faenar na praia. Mesturouse entre as mariscadoras que se atopaban extraendo o molusco con autorización

Unha vez interceptado, os policías e gardapescas interviñéronlle o cubo de praia no que levaba a ameixa. Dous dos oito quilos non tiña o tamaño regulamentario. Dado que era inferior á talla mínima esixida para a súa extracción, os moluscos foron devoltos na súa totalidade ao medio mariño.

O furtivo será denunciado por unha infracción administrativa ante os órganos competentes da Xunta de Galicia.