Axentes da Garda Civil, en colaboración co servizo de Gardapescas da confraría de pescadores de San Telmo, interceptaron un home, veciño de Pontevedra, ao que sorprenderon con 50 quilos de ameixa que foran extraídos ilegalmente da ría.
O dispositivo que sorprendeu ao furtivo, segundo explicou a Garda Civil, desenvolveuse á unha da madrugada deste martes, cando vixiantes da confraría detectaron un grupo de catro furtivos que estaban marisqueando na zona da Seca (Poio), concretamente na praia da Pinela.
Ao decatarse do despregamento policial, os furtivos dispersáronse e conseguiuse interceptar un deles cos sacos dos catro mariscadores que contiñan o marisco colleito.
Tanto o furtivo que foi interceptado, como os outros tres que están en vías de identificación, serán denunciados ante o órgano competente da administración autonómica por unha infracción á vixente Lei de Pesca de Galicia.
No que vai de ano, a patrulla de seguridade cidadá da Garda Civil, pertencente á compañía de Pontevedra, incautou de algo máis de mil quilos de ameixa capturada ilegalmente na ría de Pontevedra e efectuáronse máis dunha trintena de denuncias sobre furtivismo.