Os concellos continúan a traballar intensamente para o debido cumprimento a nivel institucional e por parte da cidadanía das medidas tomadas polo Goberno de España e a Xunta de Galicia enmarcadas no decreto do estado de alarma, para mitigar a expansión do Covid19.
En Marín, a Policía Local informou de que ao longo deste martes foron tramitadas tres denuncias. A primeira delas, a un individuo que foi interceptado paseando no Paseo Alcalde Blanco a primeira hora da mañá e que dúas horas máis tarde volveu ser interceptado, esta vez transitando pola Avenida de Ourense, sen xustificar estes desprazamentos.
As outras dúas denuncias, tramitadas conxuntamente, recaeron en dous varóns de 16 anos que romperon o precinto policial de peche do Parque Azul, en Cantodarea, onde estiveron tomando o sol, incumprindo ca esixencia de confinamento que debe cumprirse por responsabilidade social para loitar contra a propagación do virus.
PUNTO LIMPO DE POIO
Por outra banda, o Concello de Poio informou que o Punto Limpo Móbil cesa a súa actividade mentres permaneza vixente o actual estado de alarma decretado polo Goberno central.
A tenente de alcalde, Chelo Besada, explica que este servizo "agora mesmo, pese a que está funcionando moi ben, non é imprescindible". Nestes case dous meses e medio que estivo operativo "funcionou moi ben", valorou. Así o amosan os datos recollidos por Valoriza, que establecen que máis dun centenar de residentes do municipio utilizaron o dispositivo entre principios de ano e finais de febreiro.
Por último, Chelo Besada confirma que si permanecerá operativo o servizo de recollida de voluminosos a domicilio, previa cita.
TELÉFONO DE EMERXENCIAS EN SANXENXO
Do mesmo xeito que se fixo noutros concellos, o de Sanxenxo pon en marcha desde este martes un servizo dirixido a axudar ás persoas do municipio que estean soas, teñan problemas de mobilidade ou sexan máis vulnerables diante do Covid 19.
Así, aqueles veciños que se atopen nesta situación poderán chamar ao teléfono do servizo de Emerxencias de Sanxenxo, 986 720 000, durante as vinte e catro horas do día, para solicitar a entrega a domicilio da compra de alimentos ou medicamentos, así como calquera outra cuestión urxente que precisen.
O departamento de Servizos Sociais atende xa no municipio, en situación normal, a unhas 200 familias que precisan distintos tipos de axuda.
En Poio as persoas que se atopen neste contexto poderán chamar ao número de teléfono 986 872401, en horario de 9.00 a 14.00 horas.