Intensa fin de semana en Cuntis con todo preparado para a XXVI Festa do Lacón

Umia
07 de marzo 2025

O sábado destaca o concerto de OBK e o domingo a artista e cantante Fátima Pego será a encargada de ler o pregón dentro dunha ampla programación de actividades nesta cita gastronómica

Festa do Lacón con Grelos en Cuntis
Festa do Lacón con Grelos en Cuntis PontevedraViva

Cuntis prepárase para vivir unha das súas festas máis emblemáticas, a XXVI Festa do Lacón con Grelos, que, nesta fin de semana, encherá a vila de música, cultura e sabor.

A programación arranca con forza o sábado 8, con actividades pensadas para todas as idades e gustos.

Ás 18.00 horas, a música tradicional tomará o protagonismo coas actuacións da Agrupación de Música e Baile Tradicional de Cuntis e a súa Banda de Acordeóns, acompañadas do Grupo Folclórico Hai que Roelo.

O ambiente festivo continuará ás 22.00 horas co esperado concerto de OBK na carpa, precedido pola actuación do grupo Igloo a partir das 21.00 horas.

A noite prolongarase coa animación do Guatequelacón, a cargo de Karamelo Disco Móvil.

O domingo, as rúas de Cuntis encheranse de cor e tradición co desfile do Entroido Tradicional de Cobres e co pasarrúas da Agrupación de Música e Baile Tradicional de Cuntis, se o tempo o permite.

Ao mesmo tempo, iniciaranse varios eventos destacados, como a XVII Mostra da Camelia, a exposición "Un baño de mel", a Mostra de Encaixe de Palilleiras e a exposición de Cerámica de Castrolandín.

A mañá culminará coa lectura do pregón pola artista e cantante Fátima Pego, prevista para as 12.15 horas.

Os asistentes poderán gozar da tradicional degustación de lacón con grelos, elemento central da festa.

Pola tarde, haberá un espectáculo do Trío Detrés, organizado en colaboración coa Deputación de Pontevedra, e actuacións musicais de Laura Añón e Ángel Sevilla.

Finalmente, ás 19.30 horas, a festa despedirase co Enterro do Chapante, dando por rematado o Entroido coa súa queima simbólica.

Desde o Concello, anímase á veciñanza e visitantes a participar nesta gran celebración, con disfraces, música e unha boa dose de lacón con grelos.