Na mañá deste domingo 6 de agosto celebrarase a segunda xornada da vixésimo terceira campaña de limpeza do río Gafos, tamén coñecido como Cocho, Toxal ou Tomeza, que desenvolve o colectivo Vaipolorío.
Nesta ocasión, integrantes da Fundación Juan XXIII sumaranse a esta iniciativa de recollida de lixo na contorna do leito deste río.
Desde a asociación ecologisa fan un chamamento a que se unan máis persoas para realizar esta acción necesaria para mellorar o espazo natural do río. As persoas interesadas deberán apuntarse chamando ao teléfono 676.842.942 antes deste venres 4 de agosto. O colectivo lembra a importancia de que se incorporen persoas novas a esta iniciativa ambiental.
Na última sesión, na que participaron vinte persoas voluntarias, recolléronse 25 quilos de lixo e 15 quilos de envases de vidro. Entre eles atopábase unha curiosidade, un envase "Aly" de Lácteas Leonesas, unha empresa dos anos 60.
Vaipolorío tamén denunciou, días atras, a presenza dunhavertedura de aceite usado nas proximidades ao río Gafos. Segundo os cálculos da asociación, a vertedura era de 300 litros almacenados en varios envases. Desde a asociación informouse a Policía Autonómica, que elaborou un informe sobre esta acción.