O presidente do Concello de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, mantivo unha xuntanza cos representantes das comunidades de montes veciñais en man común do territorio de Cotobade para abordar numerosas cuestións do seu interese, entre as que destacaron o impulso á mancomunidade de montes e a "activación inmediata" das accións de limpeza destinadas á prevención de lumes forestais.
Deste xeito, instouse aos comuneiros, como propietarios e responsables dos seus montes, a que procedan a acometer a limpeza e as rozas necesarias antes do 30 de xuño en aras do interese xeral e para minimizar as situacións de risco que se padeceron o pasado verán.
Nesta liña, lembrouse que os concellos poden ordear traballos de prevención, obrigar a que se facilite o acceso para estas tarefas, acometer directamente a limpeza en caso de lumes e, chegado o caso, impoñer sancións, aínda que Cubela cre que non será necesario "xa que as comunidades de montes de Cotobade son moi responsables".
Polo demais, na asamblea informativa tamén se coñeceu o interese dalgunhas empresas de gran importancia na comunidade galega por arrendar os montes da zona para producir e considérase que hai que afondar neste asunto, xa que pode reportar unha importante vía de ingresos.
En materia económica, tamén se abordou a posibilidade de artellar accións comercializadoras de produtos locais, xurdidos do territorio forestal ou agrícola, baixo un sello de calidade ou dunha iniciativa similar e propia e se convidou aos comuneiros a acoller a técnicos en prácticas da Escola de Forestais da Universidade de Vigo, que está interesada neste territorio tras o proxecto cabalar desenvolvido en Caroi e que podería beneficiar ás asociacións grazas aos seus coñecementos.
Finalmente Cubela tamén informou de que se está a elaborar a ordenanza municipal reguladora da corta de madeira, que é unha das grandes actividades económicas do municipio. Ao respecto, indicou que váiselles remitir o borrador da mesma nas vindeiras semanas para que a poidan enriquecer con suxestións.