A rúa Raíña Vitoria non abrirá ao tráfico durante o Nadal. A pesar de que a actividade lectiva se suspende, o goberno municipal decidiu empregar esta zona da cidade para instalar a que esperan que se converta na atracción estrela das festas.
Trátase dunha tirolesa duns 150 metros de longo. Así o anunciou o edil César Mosquera no pleno da corporación municipal celebrado este luns, no que o edil non adscrito Goyo Revenga pediu a reapertura desta rúa durante as datas do Nadal.
Mosquera explicou que esta tirolesa "non collía na Alameda" e contará con todas as medidas de seguridade e control de aforo que impón a pandemia da covid-19.
O Concello vinculará ademais o seu goce cunha medida que busca dinamizar as compras no comercio local de Pontevedra. E é que para poder utilizar a tirolesa haberá que ter un ticket que só se conseguirá se previamente se adquire algo nas tendas da cidade.
A pesar desta medida, tanto Revenga como o Partido Popular volveron a pedir a reapertura ao tráfico de Raíña Vitoria, polo menos durante todo o período non lectivo, é dicir, fins de semana e vacacións escolares, ou que a Policía Local regule cortes puntuais.
O goberno municipal reiterou que "mentres dure a pandemia" a situación de Raíña Vitoria "non se vai a cambiar" e defendeu que o operativo de mobilidade despregado ten unha "clareza total e absoluta".
UNANIMIDADE PARA MELLORAR MONTE DO TACO
A corporación aprobou por unanimidade a moción do PP para solucionar o actual estado da Rúa Monte do Taco, mediante a limpeza inmediata dos seus xardíns, a dotación de prazas de aparcamento para persoas con mobilidade reducida ou a súa integración futura no proxecto de reforma urbana da contorna do río Gafos.
Menos sorte correu a iniciativa de Goyo Revenga para instalar medidores de CO2 nos colexios de Pontevedra. Os populares abstivéronse e o goberno municipal votou en contra, ao lembrar que entre os expertos "hai dúbidas" de que sexan eficaces contra a covid-19 e, en todo caso, sería competencia da Xunta de Galicia.