Instalarán unha nova rotonda na Bretoña para reforzar a seguridade na PO-531

Barro
19 de decembro 2019

A estrada PO-531 contará cunha nova rotonda para reforzar a seguridade viaria. Estará na zona da Bretoña, segundo confirmou este xoves a Xunta de Galicia. Nela apoiarase tamén unha futura senda peonil e ciclista. O custo do proxecto será de case 1.645.000 euros

Cores Tourís amosa aos veciños de Barro o proxecto da nova rotonda Xunta de Galicia

A estrada PO-531 contará cunha nova rotonda para reforzar a seguridade viaria. Estará na zona da Bretoña, segundo confirmou este xoves a Xunta de Galicia. Nela apoiarase tamén unha futura senda peonil e ciclista. O custo do proxecto será de case 1.645.000 euros.

O trazado de ambas actuacións saíu a exposición pública e xa foi consultado polos representantes veciñais, que mantiveron este xoves unha xuntanza co delegado territorial de Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e o alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, entre outras autoridades.

O proxecto inclúe a execución dunha glorieta que facilitará o enlace coa estrada provincial que se atopa neste lugar, así como un paso inferior a demanda dos veciños co obxectivo de que poidan atravesar dun lado a outro da estrada, tanto para coller os autobuses como para acceder ás fincas.

Neste senso, construiranse tamén dúas paradas de bus, instalaranse beirarrúas e reforzarase o firme. Tamén se renovará o drenaxe lonxitudinal e se mellorará o alumeado público, a sinalización viaria e as barreiras de seguridade. 

A actuación completarase dunha senda peonil e ciclista que facilitará a mobilidade na zona.

Esta estrada presenta un elevado tráfico de vehículos e camións e atravesa varios núcleos de poboación, cunha media de tránsito ao día de 19.000 vehículos.