Instalarán paneis nas rúas con nome de muller para dar información sobre as homenaxeadas

Pontevedra
29 de febreiro 2020

Josefina Arruti será a primeira rúa da cidade con nome de muller que contará cun panel informativo que incluirá os datos máis relevantes das biografías e elementos senlleiros da traxectoria das homenaxeadas. É unha intervención do programa A memoria das mulleres

Xaquín Moreda cun boceto dos paneis que se instalarán na cidade PontevedraViva

Josefina Arruti será a primeira rúa da cidade con nome de muller que contará cun panel informativo que incluirá os datos máis relevantes das biografías e elementos senlleiros da traxectoria das homenaxeadas. É unha intervención do programa A memoria das mulleres. 

Estes paneis estarán colocados en rúas que xa teñen nome de muller, entre elas tamén o parque Amalia Álvarez ou a rúa María Victoria Moreno. A intención é ir colocando estes paneis, que estarán fabricados en aceiro, e terán un código QR que enlazará coa web Do gris ao violeta, o referente deste programa municipal.

Dentro desta liña de traballo tamén está previsto colocar paneis en rúas adicadas a mulleres sobradamente coñecidas como Concepción Arenal ou Rosalía de Castro, e en rúas de nova apertura pero que xa contan con nomes asignados como Vasquida García, Dolores Trabado ou Ernestina Otero, todas elas no ámbito da antiga Tafisa.

No marco do programa A memoria das mulleres, a concellería de Patrimonio histórico traballará tamén para buscar espazos urbanos que recibirán os nomes de outras mulleres non tan coñecidas pero si moi significativas como Elvira Lodeiro e Consuelo Acuña, fusiladas polos franquistas tras o golpe de Estado; e incluso para María Vinyals.

Outra das liñas de actuación será a sinalización de lugares que tiveron un especial significado no caso da represión franquista, entre eles o Concello, a Deputación, a Escola Normal, a Audiencia Provincial ou os Soportais, este último espazo moi ligado á represión de comerciantes durante a ditadura.

Ademais de intervencións artísticas como o mural previsto para homenaxear á Señora Lola, tamén se baralla a creación de conxuntos escultóricos en distintos puntos da cidade que recorden a contribución das mulleres á historia de Pontevedra.

As lavandeiras do río dos Gafos, as mulleres do agro ou as costureiras coa máquina na cabeza pasando pola ponte do Burgo serían, segundo o edil Xaquín Moreda, algúns dos exemplos que poderían incorporarse aos conxuntos escultóricos da cidade.