Instalan un caixeiro automático en Raxó dez anos despois do peche da oficina bancaria

Poio
20 de febreiro 2024

Evitará que residentes e visitantes teñan que desprazarse a outras localidades para retirar efectivo e facer outras operacións

Ángel Moldes estrea o novo caixeiro automático instalado en Raxó Concello de Poio

O Concello de Poio celebra que as xestións que realizou con Abanca permitan instalar en Raxó un caixeiro automático.

Este caixeiro instalado na avenida da Toxa, onde está o almacén do supermercado Froiz, evitará que tanto os residentes como os visitantes que cada verán elixen esta parroquia para gozar das súas vacacións teñan que desprazarse a outras localidades para facer unha xestión tan básica como pode ser retirar efectivo e facer outro tipo de operacións.

Unha situación que se arrastra desde hai dez anos, cando se pechou a oficina bancaria.

Dende hai unha década si alguén en Raxó quedaba sen cartos en efectivo tiña que desprazarse ata Combarro ou incluso Sanxenxo para retiralos, uns desprazamentos que en tempada alta se complican pola densidade de tráfico pero que, ademais, non poden realizar todas as persoas, como pode ser no caso de maiores ou das que non dispoñen de coche propio.

O alcalde, Ángel Moldes, destacou que a instalación deste caixeiro "era unha necesidade real que reclamamos como oposición e para a que, xa como goberno, consideramos que era urxente e prioritaria. Por iso nos implicamos desde o primeiro momento en buscar unha solución e dotar deste servizo tan demandado á veciñanza".

Moldes asegurou tamén que esta xestión conseguiuse sen que supoña ningún custe para o Concello.

Ademais, insistiu en que "se queremos aproveitar o tirón turístico de Raxó e apoiar a un sector tan importante para o noso concello, é fundamental ofrecer este tipo de servizos".