Instalan os primeiros paneis para informar dos aparcadoiros disuasorios ou actividades culturais e deportivas

Pontevedra
24 de outubro 2022

A colocación dos tres primeiros comezou este luns e está previsto instalar catro máis no futuro en puntos clave como son as entradas á cidade

Instalación dos novos paneis informativos Concello de Pontevedra

Este luns colocáronse tres paneis informativos LED que foron instalados en tres puntos estratéxicos da cidade co fin de ofrecer mensaxes en tempo real á cidadanía.

Os paneis serán xestionados desde a sede da Policía Local e a súa instalación está incluída dentro do contrato de control semafórico da cidade.

Están situados na avenida de Compostela —ao carón da rotonda que baixa de Pasarón—, en Domingo Fontán —na rotonda que dá acceso á Ponte das Correntes— e en Josefina Urruti —na rotonda que fai cruce coa avenida da Estación.

Estes paneis teñen unhas dimensións de 3,4 x 2,76 metros e 25 centímetros de grosor. A superficie total da pantalla es 7,17 metros cadrados cunha resolución de 230x224 píxeles por polgada para posibilitar unha distancia óptima de visión próxima aos 10 metros.

A idea é poder ofrecerlle información en tempo real á veciñanza e aos visitantes sobre eventos, campañas de tráfico da Policía, do Concello; recomendacións, datos de utilidade.

Outros exemplos de información que poderán ser lidos nestes paneis inclúen o estado dos aparcadoiros disuasorios, avisos por obras, rúas cortadas, realización de eventos deportivos noutros puntos e até anuncios de citas culturais ou guías para chegar, por exemplo, ao Salón do Libro.

Estes paneis serán complementados co proxecto xa presentado con anterioridade polo Concello de Pontevedra, que procura recibir fondos Next Generation e que contempla a colocación de catro paneis máis en outros catro puntos da cidade, tamén contando con medidores de calidade de aire e outros sensores.