Inspeccionan máis de 16.000 parcelas para previr incendios forestais en Sanxenxo

Sanxenxo
06 de setembro 2024

A Consellería de Medio Rural, a través do Seaga, iniciou esta semana a inspección das máis de 16.000 parcelas que comprenden a franxa secundaria de prevención de incendios forestais

Incendio en Nantes Emerxencias de Sanxenxo

A Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos (Seaga) iniciou esta semana a inspección das máis de 16.000 parcelas que comprenden a franxa secundaria de prevención de incendios forestais en Sanxenxo.

Os propietarios que incumpran os criterios de xestión de biomasa serán notificados para que procedan á súa limpeza e, no caso de que de persista, no seu incumprimento realizará unha execución subsidiaria na cal os custos serán abonados polos propietarios, paralelamente á incoación dun procedemento sancionador.

A acción forma parte do convenio subscrito entre a Xunta, a Federación Galega de Municipios e Provincias e o Seaga -dependente da Conselleria de Medio Rural- para a prevención de incendios forestais ao que está adherido o Concello de Sanxenxo.

O Plan de Prevención contra incendios que entrou en vigor en 2022 contempla a creación de franxas secundarias, é dicir, áreas de seguridade que se separen 50 metros do límite xeográfico do núcleo rural, que deben estar libres de maleza e de especies pirófitas.

Ademais da franxa perimetral de 50 metros dos chans urbanos, de núcleo rural e urbanizable, xestionarase a biomasa que se sitúa ao redor das edificacións destinadas ás persoas, vivendas illadas, urbanizacións, depósitos de lixo, zonas de cámping, gasolineiras e parques industriais situados a menos de 400 metros de monte.

Esta acción tamén levará a cabo ao redor de edificacións que se atopan illadas, que estean destinadas ás persoas en chan rústico, e situadas a máis de 400 metros do monte.