Inspección da nave de La Cross onde opera o Grupo Nogar para comprobar as medidas de seguridade

Pontevedra
11 de novembro 2022

O alcalde de Pontevedra mantén que en Pontesa non existían medidas de seguridade e que, malia o requerimento da policía xudicial, o Grupo Nogar non está a manter unha vixilancia permanente nas instalacións onde seguen a producirse novos lumes, que requiren da presenza dos bombeiros. Ante esta situación, o rexedor sinalou que a Policía Local vai inspeccionar a actividade que a mesma empresa está a acometer na antiga fábrica de La Cross en Alba

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra Mónica Patxot

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, insistía este venres ao manifestar que no goberno local "estamos sorprendidos e preocupados" porque a empresa Grupo Nogar mantivera unha actividade nunhas condicións "lamentables" en Pontesa sen medidas de seguridade confirmadas co incendio e o falecemento de Benito González, operario da empresa.

Manifestou que a empresa non está a cumprir co requirimento da Policía Xudicial e dos servizos de emerxencia para que se manteña unha vixilancia permanente nas naves situadas en Ponte Sampaio, onde están acudindo con frecuencia os bombeiros ante novas alarmas ao reavivarse o lume.. "Falta de seriedade absoluta e non ten xustificación", con estas palabras definiu Fernández Lores a actuación da empresa.

Por este motivo e ante os últimos comentarios que indican que existe unha situación similar na antiga fábrica de La Cross en Alba, o alcalde sinalou que a Policía Local de Pontevedra está a realizar unha inspección para comprobar a situación porque nesa nave hai constancia de acúmulo de material e o goberno local quere comprobar en que estado se atopa. "Queremos comprobar que hai un mínimo de medidas de seguridade", apuntou o rexedor. Os axentes achegáronse pasado o mediodía deste venres para explorar a nave.

A licenza de actividade, solicitada polo Grupo Nogar, para ese recinto situado nas proximidades das marismas de Alba, tramitouse na década dos noventa e ata o momento nunca se produciu un incidente, sinalou Lores, "pero ante a alarma social" decidiron ordenar unha inspección. No caso de que non existan as medidas pertinentes trasladarase o informe á autoridade competente. 

Fernández Lores insistiu en que todos os días pasan camións cara ás naves de La Cross e teñen constancia de que "no seu momento almacenaron astilla de eucalipto e gran". Tanto neste caso como no de Pontesa, o alcalde sinalou que non se pode perseguir aos camións polas forzas policiais para saber onde van e que materiais levan.

Lembrou, en todo caso, que a responsabilidade do que sucedía en Pontesa era da empresa: "sabía ou que estaba facendo sen ningún tipo de licenza". E ante a nota emitida polo Grupo Nogar sinalando que existían medidas de seguridade nese recinto, Lores rexeitou esa afirmación asegurando que non había hidratantes nin ningún sistema con auga para atender un posible incendio. "Estamos enfriando e apagando un incendio que é responsabilidade dunha empresa. Non hai  escusa ningunha". 

Arquivado en