Insatel Instalaciones mellorará a eficiencia enerxética do campo de fútbol das Estremas

Cerdedo-Cotobade
14 de marzo 2025

As obras foron adxudicadas por 98.668 euros. Mellorarase a envolvente térmica nos vestiarios, instalarase un sistema de iluminación, substituiranse os termos eléctricos e instalaranse paneis solares

Visita ao campo de fútbol das Estremas
Visita ao campo de fútbol das Estremas Concello de Cerdedo-Cotobade

O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, fixo público o acordo da mesa de contratación da mellora enerxética que se vai levar a cabo no campo municipal de fútbol das Estremas e que foi adxudicada á empresa Insatel Instalaciones, S.L.

A reforma ten un orzamento de 98.668 euros que se vai a afrontar con fondos aportados pola Deputación de Pontevedra.

A través desta intervención, no campo municipal de fútbol das Estremas mellorarase a envolvente térmica nos vestiarios, instalarase un sistema de iluminación máis eficiente, substituiranse os termos eléctricos por outros de aerotermia e instalaranse paneis solares.

Finalmente, o proxecto de subvención contempla a mellora da recollida de residuos instalando depósitos selectivos no campo con diferentes compartimentos para realizar a separación do lixo.

Tamén se cambiarán os asentos rotos por outros novos.

Jorge Cubela sinalou que "gañaremos en eficiencia enerxética para un maior aforro en uso e mantemento deste tipo de infraestruturas municipais".