Inquedanza veciñal ante posibles danos motivados polas obras do mercado de abastos de Sanxenxo

Sanxenxo
16 de decembro 2023

Representantes municipais e da empresa que executa as obras mantiveron un encontro con residentes da contorna. A empresa comprometeuse a realizar o protocolo de fendas nas vivendas que permanecen sen inspeccionar por imposibilidade de contactar coa persoa propietaria

Obras de construción do novo mercado de Sanxenxo Concello de Sanxenxo

Responsables da empresa adxudicataria das obras de reforma, ademais de Telmo Martín, alcalde de Sanxenxo e María Deza, concelleira de Urbanismo, mantiñan nas últimas horas un encontro con residentes da contorna do mercado de Sanxenxo no punto onde se acometen as obras de construción do novo recinto.

A veciñanza transmitiu as súas dúbidas en relación aos accesos aos garaxes e á preocupación pola cobertura de danos en caso de producirse algún problema durante as obras nas súas propiedades.

Algunhas persoas que, no seu momento, non se atopaban nas vivendas e non foron obxecto do protocolo de gretas solicitaron nesta reunión a revisión dos seus domicilios. A empresa comprometeuse a realizar as inspeccións pertinentes e garantiu a cobertura en caso de producirse algún dano causado pola obra, segundo informa o Concello de Sanxenxo.

O alcalde tamén ofreceu aos veciños o aparcadoiro de Nauta de forma gratuíta durante os prazos nos que, por motivos desta obra, non poidan acceder cos vehículos aos garaxes dos seus domicilios.

Por outra banda, os representantes municipais pediron á empresa que axilicen os prazos para que as obras na súa primeira fase estean finalizadas o próximo verán.

Nestes momentos constrúense os muros de contención de formigón que contan con nove metros de profundidade. Unha vez que finalicen iniciarase a escavación do terreo co baleirado da parcela para comezar a construír o paso subterráneo e o aparcamento.

A Xunta inviste un millón de euros e o Concello achega 1,3 millóns nestes traballos coa intención de humanizar a contorna do mercado de abastos co soterramento do tráfico na Rúa de Madrid ata a intersección coa estrada PO-308 que une Pontevedra coa Lanzada.