Inicio das obras de humanización nos Castros de Quireza cun orzamento de 250.000 euros

Cerdedo-Cotobade
21 de outubro 2024

Está contemplada a construción dunha calzada de formigón ata a igrexa parroquial de San Tomé e a mellora das infraestruturas de abastecemento domiciliario

Inicio das obras en Quireza / Concello de Cerdedo-Cotobade

O Concello de Cerdedo-Cotobade comezou as obras de humanización no lugar dos Castros, na parroquia de Quireza, cun investimento de aproximadamente 250.000 euros.

O proxecto, que forma parte da estratexia municipal para promover o desenvolvemento sustentable das aldeas e núcleos rurais, conta cunha financiación do 80% a través do programa PON 2030 da Deputación de Pontevedra, mentres que o 20% restante provén de fondos propios do concello.

O alcalde Jorge Cubela e a tenente de alcalde Lourdes Ovelleiro visitaron a zona para supervisar o inicio dos traballos.

Estas obras inclúen a construción dunha calzada de formigón ata a igrexa parroquial de San Tomé, facilitando a circulación de vehículos e a creación de zonas peonís diferenciadas e a nivel, utilizando adoquíns.

Tamén van mellorarse as infraestruturas de abastecemento domiciliario, ademais de afrontar a renovación do sistema de saneamento de augas pluviais e a actualización da rede de iluminación para mellorar a eficiencia enerxética.

Este proxecto busca transformar profundamente o espazo rural, destacando a súa beleza e funcionalidade mediante a creación de áreas de gozo veciñal.

Por último, mellorarase a accesibilidade na zona coa pavimentación de adoquíns e a canalización de augas pluviais.

A iniciativa enmárcase nos esforzos por mellorar os equipamentos e servizos nas áreas rurais, co obxectivo de promover un desenvolvemento sustentable.