Inicio inminente para as obras de construción do novo Auditorio de Marín

Marín
26 de setembro 2022

A Policía Local de Merín vén de colocar os valos informativas na parcela da Praza de España, conforme non se poderá estacionar a partir das 15.00 horas do mércores, 28 de setembro

Valos na Praza de España de Marín ante o inicio das obras do Centro Socio Cultural Concello de Marín

A construción do Centro Socio Cultural de Marín dará comezo de maneira oficial o vindeiro mércores día 28 de setembro.

Así o avanza o Concello despois de que a Policía Local colocase os valos informativos na parcela da Praza de España, nos que se informa da prohibición de estacionar na zona a partir das 15.00 horas da tarde do citado mércores.

Este inicio do proxecto supón "unha importante nova para o noso municipio, que por fin verá como o Centro Socio Cultural polo que tanto tempo levamos traballando pasa do papel á realidade", afirma o goberno local.

Para que as molestias aos veciños sexan as menores posibles o Concello leva un tempo coordinando a estratexia de mobilidade a seguir para que as obras non supoñan un problema de tráfico e estacionamento.

Neste sentido cobra importancia a estratexia Proxecto MARES, na que se xunta a información sobre os aparcamentos públicos do municipio. Son en total850 as prazas dispoñibles en 13 aparcamentos habilitados sen contar o da Praza de España.

Paralelamente nos próximos días acometerase ademais o pintado das novas rúas que estarán incluídas na Zona 2H, de estacionamento temporal, tal e como se aprobou en Pleno Municipal. Será nas inmediacións da Praza de Abastos, o Centro de Saúde, Rúa Méndez Núñez, Jaime Janer, Rúa da Ponte e Avenida de Ourense.