Inician unha campaña para que Defensa recoñeza o cuartel de Figueirido como lugar da memoria da represión franquista

Vilaboa
07 de xuño 2014

O colectivo A Regaduxa reclamará a partir do 22 de xuño ao Ministerio de Defensa a colocación dunha placa que lembre a historia da actual base militar de Figueirido como prisión franquista e campo de concentración e faga referencia aos que estiveron alí, as súas familias e os veciños que lles axudaron 

Tomás Boullosa, Tareixa Carro e Luis Bará, de A Regaduxa PontevedraViva

O colectivo A Regaduxa para a recuperación da memoria histórica de Vilaboa porá en marcha a partir do 22 de xuño unha campaña para reclamar ao Ministerio de Defensa a colocación dunha placa que lembre a historia da actual base militar de Figueirido como prisión franquista e, desta maneira, se comece a recuperar a memoria histórica dun lugar de represión que aínda non está recoñecido como tal. 

"Ten unha historia moi oscura detrás e pouco se sabe", sinalou este venres Tareixa Castro, de A Regaduxa, durante a presentación das vindeiras accións do colectivo. Estivo acompañada por Tomás Boullosa e o concelleiro do BNG de Pontevedra Luis Bará, que adiantou que se está a traballar, en paralelo a este recoñecemento da memoria do cuartel de Figueirido, "na recollida de apoios" e na recuperación da "memoria viva" do lugar, pois "por sorte aínda quedan personas que viviron a época". 

O obxectivo desta campaña será que Defensa instale unha placa ás portas do cuartel actual no que se faga referencia a todas as persoas dalgunha maneira vinculadas á súa época como campo de concentración e prisión. Así, quérese recordar ás persoas que estiveron presas e que foron obrigadas a realizar traballos forzados, ás que tiveron o cuartel como corredor da morte antes de seren asasinados, aos que morreron alí vítimas de fame e enfermidade, ás súas familias que se trasladaron ás inmediacións do cuartel e á veciñanza de Salcedo, Figueirido, Postemirón e outros lugares dos arredores que lles prestou axuda.

Ademais, segundo Tomás Boullosa, confían en que a cidadanía de Pontevedra se involucre nesta campaña, da que a primeira actividade está prevista para as 20.00 horas do domingo 22 de xuño no centro social de Postemirón (Vilaboa). Será un acto de lembranza da historia do cuartel como prisión no que intervirán o historiador Xosé Enrique Acuña e Tareixa Carro.

Con este acto do domingo 22 de xuño iniciarase unha campaña de recollida de sinaturas para presentar ao Ministerio de Defensa co obxectivo de pedir a citada placa e reinvindicar o cuartel de Figueirido como lugar da memoria da represión franquista.

Antes dese acto central, A Regaduxa convocará o vindeiro venres 13 de xuño a presentación do libro de Xosé María Álvarez Cáccamo A voz quebrada. Da memoria histórica e o terror fascista. Publicado polo Instituto de Estudos Miñoranos na colección Letras da Groba, presentarase ás 21.00 horas na Casa dos Montes de Santa Cristina de Cobres.