Inician os trámites para declarar a Festa da Ameixa de interese turístico de Galicia

Poio
18 de setembro 2023

Esta fin de semana esgotáronse as existencias na XXXV edición da celebración de Campelo. As ameixas á mariñeira son as preferidas polos comensais, e aínda que o domingo ao mediodía foi o momento de maior afluencia, o sábado incrementáronse case nun 10% as racións vendidas con respecto ao ano anterior

Festa da Ameixa de Campelo

O Concello de Poio inicia os trámites para que a Festa da Ameixa sexa declarada de interese turístico de Galicia. 

O alcalde Ángel Moldes avanzou que xa están comezando a recompilar e preparar toda a documentación esixida para conseguir este recoñecemento na que considera que é unha das festas máis emblemáticas do concello e tamén a máis antiga, e que cumpre cos requisitos para alcanzar esta distinción. 

Con respecto ao balance da celebración esta fin de semana, a Festa da Ameixa de Campelo esgotou existencias, e nin as chuvias do domingo frearon a chegada de comensais para degustar o produto. 

En total, repartíronse 1.332 racións, das que 856 corresponderon a ameixas á mariñeira, a preferida dos asistentes, fronte a 298 racións de fideos con ameixa e 178 de arroz con ameixas.

O día de máis afluencia de visitantes foi o domingo ao mediodía, pero as colas tamén se rexistraron o sábado durante todo o día. De feito, durante esa xornada vendeuse case un 10% máis de racións que o ano anterior. 

Ata a Praza da Granxa achegáronse visitantes de toda Galicia, pero tamén de Asturias, Castela León, Extremadura, Illas Canarias, País Vasco, Cataluña, Murcia, Madrid, Comunidade Valenciana, Andalucía, Navarra ou Castela A Mancha.

Segundo explica Moldes, o obxectivo foi "ser o máis eficientes posibles, ofrecer máis calidade na programación e facelo con menos recursos, e creo que conseguimos organizar unha festa á altura do produto de Campelo".

Por último, o alcalde agradeceu a implicación das confrarías, das agrupacións de mariscadoras, das empresas locais do sector mar-industria, así como dos colectivos de Campelo que colaboraron coa organización da festa para que esta edición fose "o máis participativa posible".