Inician os preparativos da próxima tempada de praia en Sanxenxo

Sanxenxo
14 de setembro 2022

Un total de 123 persoas encargáronse esta tempada de garantir a seguridade, limpeza e mantemento das 24 praias, 17 con bandeira azul

Socorristas Mónica Patxot

Os concelleiros de Economía e Persoal Marcos Guisasola e de Medio Ambiente, Juan Deza, e dous técnicos municipais reuníronse este mércores coa empresa concesionaria do servizo de salvamento e socorrismo para facer un balance da tempada e empezar a planificar a seguinte.

Sanxenxo pecha a tempada de praia máis concorrida da súa historia debido ás altas temperaturas e o incremento de visitantes que houbo. Este xoves é o último día que os socorristas atenderán os catro areais que aínda manteñen este servizo, Areas, Silgar, Canelas e Montalvo. Nos 13 restantes o servizo finalizou o 31 de agosto.

Entre socorristas, sanitarios, persoal de limpeza, mantemento e instalación de equipamentos, limpeza de baños, control sanitario e programa de bandeiras azuis ata 123 persoas traballan para que as praias de Sanxenxo sigan sendo un exemplo de calidade.

A limpeza dos aseos cada hora e media, medida que se aplicou por primeira vez no covid, e o goberno decidiu manter de forma definitiva e o equipamento de seguridade das 17 praias con bandeira azul son os aspectos que máis valorou a inspección de Adeac. As 17 praias con bandeira azul dispoñen de desfibriladores, mochila de emerxencia, balón de osíxeno entre outros instrumentos de seguridade sanitaria.

O goberno local destaca entre as melloras desta tempada a incorporación do novo sendeiro azul para o roteiro de sendeirismo de Aldariz, o que permite a Sanxenxo sumar 28 galardóns: 17 praias, 7 carreiros azuis, a Telleira, Nauta e os clubs náuticos de Sanxenxo e Portonovo. Tamén apunta as achegas de area ás praias de Carabuxeira e Lavapanos.

Igualmente, o equipo do alcalde telmo Martín subliña a mellora do servizo de salvamento e socorrismo. Segundo o concelleiro Marcos Guisasola "a externalización do servizo permitiunos ofrecer un plus de calidade". Sanxenxo non tivo ningún problema para contar desde o primeiro día cos 82 socorristas necesarios.

E, por último, a consolidación da praia de Baltar. "A suma dos esforzos privados e públicos conseguiu que este areal, antes pouco concorrido, converteuse nunha das praias de moda"  e relacionan con esta circuntancia a ampliación do parque acuático, a instalación de 4 campos deportivos de voleibol e futbol, a organización de actividades e eventos serviu para revitalizar esta praia urbana única pola súa contorna dunar.

Doutra banda, a Concellería de Medio Ambiente realizou unha serie de melloras. A restauración integral do módulo da praia de Areas Gordas, 5 torretas de vixilancia, a compra de 2 novos módulos, a protección das dunas con substitución de mallas na lanzada e valo entre Major e Areas. Nesta última tamén se prolongou a pasarela en 100 metros. Juan Deza, concelleiro de Medio Ambiente, sinalou que "conclúe a tempada alta, pero seguimos coidando as praias e xa estaos traballando nas melloras do vindeiro ano".