Inician a construción do novo auditorio ao aire libre e a pista multideportiva de Figueirido

Vilaboa
11 de xaneiro 2025

O investimento no parque do Canaval é de 264.166 euros para crear en seis meses unha gran área de lecer para todas as idades

Inicio das obras de reforma do parque de Canaval, en Figueirido Concello de Vilaboa

Seis meses é o prazo de execución dos traballos para reformar integralmente o parque de Canaval, en Figueirido.

Os traballos para habilitar unha nova pista multideportiva e un auditorio ao aire libre comezaron.

O obxectivo do Concello de Vilaboa, sinala o goberno local, é poder contar no verán cunha gran área de lecer para todas as idades.

Para iso investiranse 264.166 euros nunhas obras que corren a cargo da empresa Construciones E.C. Casas.

A pista multidisciplinar facilitará a práctica deportiva ao aire libre de diferentes modalidades deportivas como baloncesto, futbol, voleibol, bádminton e mesmo tenis e dará resposta á demanda existente nesta contorna.

Ademais, explica o Concello, preto das instalacións deportivas construirase o auditorio ao aire libre, aproveitando as condicións do terreo para crear un escenario con bancadas semicirculares con capacidade para 150 persoas.

A reforma deste espazo completarase co acondicionamento dunha área de estacionamento.

"Apostamos por levar a todas as parroquias prestacións similares e que a veciñanza dispoña na súa contorna de espazos de calidade porque iso axuda tamén a fixar poboación", defendeu sobre esta actuación o alcalde de Vilaboa, César Poza.

O parque do Canaval é un proxecto que comezou a tomar forma no ano 2022 co acondicionamento dunha área de xogo infantil nunha parcela de 6.440 metros cadrados situada sobre o falso túnel no tramo Vilaboa-Pontevedra do eixo atlántico de alta velocidade. Esta superficie é unha concesión administrativa de ADIF ao Concello por un período inicial de 75 anos.