Ingreso en prisión provisional sen fianza para o mozo que atacou un xornalista en Pontevedra cun coitelo

Pontevedra
15 de xullo 2023

A maxistrada do Xulgado de Instrución nº 3 de Pontevedra en funcións de garda adoptou esta decisión para o mozo que na mañá do venres entraba na delegación en Pontevedra de La Voz de Galicia. Está investigado polos delitos de homicidio en grao de tentativa, atentado a axentes da autoridade, danos e lesións

Axente da Policía Nacional na entrada da delegación de La Voz de Galicia, minutos despois do suceso Diego Torrado

Andrés de Vicente Fuentes, coñecido como 'Capi', ingresará en prisión provisional comunicada e sen fianza. Así o ditaminou este sábado a maxistrada do Xulgado deInstrución número 3 de Pontevedra, en funcións de garda.

A decisión prodúcese despois de que o mozo entrase na mañá deste venres 14 na delegación de La Voz de Galicia na rúa Rosalía de Castro, de Pontevedra,armado cun coitelo co que provocou lesións nun brazo e na man a un xornalistadese medio de comunicación. 

Ademais, o presunto agresor causou diferentes danos materiais na redacción do xornal ao tirar pantallas de computadores ao chan e causar diversas desfeitas nas instalacións.

O mozo coñecido como Capi atópase investigado polos delitos de homicidio en grao de tentativa, atentado a axentes da autoridade, danos e lesións. 

O xornalista que sufriu a agresión recupérase das mancaduras, que non revisten gravidade.

Andrés de Vicente Fuentes foi coñecido a raíz de que agredira a Mariano Rajoy en Pontevedra no ano 2015 na contorna da praza da Peregrina.