Ingresan en prisión cinco dos once detidos pola rede de tráfico de heroína desmantelada nas Rías Baixas

O Salnés
29 de abril 2021
Actualizado: 20:09

O paso a disposición comezou a partir das dez da mañá. Un dos últimos en chegar ante o xuíz foi o suposto líder da organización, o avogado de Vigo Manuel Estévez, que estaba xa pendente de ingresar en prisión para cumprir unha condena da Audiencia Provincial de Pontevedra

Xulgado de Cambados Mónica Patxot

Cinco dos once detidos como integrantes dunha organización criminal dedicada ao tráfico de heroína en Galicia desarticulada esta semana ingresaron en prisión. Dez dos once pasaron este xoves ao dispor do Xulgado de Instrución número 1 de Cambados. Trátase dunha imaxe inusual desde hai meses polas restricións derivadas da pandemia da covid-19, pois se estivo priorizando as toma de declaración telemática. 

O xuíz de Cambados demorou durante toda a xornada a decisión sobre o destino dos detidos e finalmente a operación pechouse con cinco en prisión e seis en liberdade, todos eles investigados polos delitos contra a saúde pública e pertenza a organización criminal. 

En canto aos cinco que ingresaron en prisión, segundo deu a coñecer o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, un deles poderá eludir o ingreso co pago dunha fianza  de 8.000 euros. Dos detidos que quedaron na rúa, un xa quedou libre en sede policial o martes e os outros cinco na tarde deste xoves tras pasar a disposición xudicial.

A decisión xudicial coñeceuse poucos minutos despois das oito da tarde, dez horas despois do inicio do paso a  disposició, a partir das dez da mañá. Os detidos pasaron a noite repartidos en distintas dependencias da Garda Civil e a Policía Nacional da provincia de Pontevedra e a esa hora empezaron a chegar á sede xudicial, a maioría a bordo dun autobús da Benemérita e o resto en patrullas policiais. 

Un dos últimos en chegar ante o xuíz foi o suposto líder da organización, o avogado de Vigo Manuel Estévez, que aproveitou unha condena de prisión por tráfico de drogas para estudar Dereito e, desde que recuperou a liberdade exerceu a Avogacía. O letrado estaba xa pendente de ingresar en prisión para cumprir unha condena da Audiencia Provincial de Pontevedra. 

A sección quinta da Audiencia, con sede en Vigo, condenouno a 9 nove anos de cárcere por un alixo de 64 quilos de heroína apresado en agosto de 2017 en Caldas de Reis, e agora estaba pendente de entrar en prisión para cumprir esa pena. A partir deste xoves, ingresará en prisión efectiva por esa sentenza e previsiblemente tamén en prisión provisional por esta nova operación. 

A organización que presuntamente lideraba tiña polo menos once membros, todos eles detidos o martes como resultado dunha serie de rexistros simultáneos realizados pola Garda Civil e a Policía Nacional en Cambados, Sanxenxo, A  Illa, Santa María de Oia, Vigo, A Cañiza, Porriño e Ferrol. O detido en Ferrol quedou en liberdade xa en sede policial e o resto declararon este xoves ante o xuíz de Cambados que lidera a investigación. 

Esta rede estaba supostamente centrada no tráfico de heroína procedente de Turquía e, en menor medida, cocaína, e caeu nesta operación policial como resultado dunha investigación que comezou meses atrás pola intervención dun alixo de catro quilos de heroína procedente de Turquía en Ferrol.

Esta operación, bautizada Buchaca- Gofre, implica ás unidades especializadas na loita contra o narcotráfico da Policía Nacional e a Garda Civil: a Unidade de Droga e Crime Organizado ( Udyco) de Pontevedra, o Grupo de Resposta Especial para o Crime Organizado (Greco) da Policía Nacional e polo o Equipo de Delincuencia Organizada e Antidroga ( EDOA) e o Equipo Contra o Crime Organizado (ECO) da Garda Civil.