Información de utilidade durante a emerxencia sanitaria en Galicia

Pontevedra
24 de marzo 2020

A Xunta vén de achegar aos medios de comunicación un recordatorio das medidas que se están a levar a cabo así como instrucións prácticas que poidan resolver as dúbidas da cidadanía que, así mesmo, pode consultar a páxina web habilitada polo Sergas: coronavirus.sergas.gal

Teléfono de información en Galicia sobre o coronavirus

O 13 de marzo de 2020, a Xunta de Galicia declara a situación de emerxencia sanitaria en Galicia e activa o Plan Territorial de Emerxencias. O 14 de marzo, o Goberno central declara o Estado de Alarma.

Esta situación obriga a tomar unha serie de medidas para garantir a protección da poboación fronte ao coronavirus e preservar os recursos sanitarios dispoñibles para facer fronte ás necesidades prioritarias.

A Xunta vén de achegar aos medios de comunicación un recordatorio das medidas que se están a levar a cabo así como información de utilidade que poida resolver as dúbidas da cidadanía que, así mesmo, pode consultar a páxina web habilitada polo Sergas: coronavirus.sergas.gal

- Lémbrase que segue a estar suspendida temporalmente a actividade lectiva e extraescolar. Tamén están pechados todos os centros sociocomunitarios e os centros de día.

- Bares e restaurantes permanecerán pechados ao público, aínda que poderán seguir prestando servizos de envío a domicilio ou recollida no local.

- Suspéndese o servizo de Inspección Técnica de Vehículos e as clínicas de logopedia e podoloxía pecharán todos os seus centros.

- Permanecen abertas as farmacias, estacións de servizo, quioscos, tendas de alimentación, ferraxería, ópticas e outros establecementos de primeira necesidade, que terán liberdade horaria.

- Só se recomenda acudir aos centros de saúde e hospitais se é imprescindible. Promoverase a consulta online e telefónica, e cada doente ingresado poderá recibir unha única visita.

- Blíndanse os servizos básicos ás persoas sen fogar e os centros de día de inclusión social manterán os servizos de mantemento da hixiene e de calor e café. A maiores, mantense a actividade dos centros de atención social continuada.

- Os empregados públicos disporán dun protocolo de actuación específico que contempla o teletraballo.

- Non é aconsellable que os grupos de poboación vulnerables ás infeccións respiratorias, as persoas que convivan con elas ou as mulleres embarazadas viaxen en transporte público ou acudan a estacións.

QUE OCORRE COAS CITAS MÉDICAS?

- Calquera cambio nas citas médicas será comunicado de xeito individual

- Se a persoa non recibe unha chamada do SERGAS, iso significa que se mantén a cita que xa ten

- Sempre que sexa posible realizaranse as consultas de xeito telefónico. Por iso, ante calquera problema de saúde tamén se aconsella utilizar prioritariamente a consulta telefónica

- As visitas nos centros sanitarios quedan restrinxidas a unha persoa por paciente, só se é necesario e sempre que non teñan máis de 70 anos

- Nos centros de saúde debe manterse sempre a distancia de seguridade de un metro con outras persoas

- En tódalas situacións, lémbrase que hai que lavar as mans con auga e xabón con frecuencia

E O CALENDARIO DE VACINAS?

As vacinacións, como medida de saúde pública de primeira orde, vense afectadas, por elo é necesario adoptar medidas temporais debido a estes cambios de forza maior.

A Xunta de Galicia quere transmitir unha mensaxe de tranquilidade, dada a nosa situación epidemiolóxica de baixa prevalencia de enfermidades inmunoprevibles.

Garántense durante este período diversas vacinacións:

- As vacinacións que corresponde administrar aos 2 meses (hexavalente + pneumocócicaconxugada) e aos 4 meses (hexavalente + pneumocócicaconxugada + meningocócica C)

- A vacinación infantil, especialmente nos 15 primeiros meses

- A vacinación en embarazadas

En canto as autoridades sanitarias aconsellen recuperar a situación normal, reanudarase a vacinación retomando o calendario que quedou interrompido e facendo os axustes necesarios no menor tempo posible.

Durante este período de alarma, os Centros de Vacinación Internacional só atenderán consultas relacionadas con viaxes de tipo humanitaria, de carácter profesional inaprazables ou aquelas que sexan por causa de forza maior. Deberá terse en conta que é posible que no seu destino poida ser sometido a medidas de limitación de movementos.

CANDO CHAMAR AO TELÉFONO DE ATENCIÓN?

Recoméndase non acudir directamente ao hospital cando teñamos síntomas ou dúbidas do que facer ante diferentes síntomas. A instrución durante a emerxencia sanitaria é chamar ao 900 400 116 ou ao seu centro de saúde nos seguintes casos;

- Se ten estes síntomas: febre (temperatura superior a 38º), tose e dificultade para respirar ou sensación de falta de aire

- Se tivo contacto con algunha persoa xa diagnosticada co COVID-19 (coronavirus) nos últimos 14 días ou estivo nalgunha destas zonas de risco: as Comunidades Autónomas de Madrid e A Rioxa, así como os municipios de Labastida e Vitoria-Gasteiz (País Vasco) e Miranda de Ebro (Castela e León); Italia; Francia (GrabdEst e Hauts-de-France); Alemaña (Renania do Norte-Westfalia); China; Corea do Sur; Xapón (illa de Hokkaidō); Singapur e Irán.

Se ten estes síntomas e non estivo nestas zonas de risco ou non tivo contacto con algunha persoa xa diagnosticada coa COVID-19 (coronavirus) nos últimos 14 días, recoméndase: tomar abundantes líquidos, descansar o suficiente, tomar medicación antitérmica e permanecer no domicilio.

Se ademais padece algunha enfermidade crónica (do corazón, respiratoria, do ril…) chame ao seu centro de saúde ou ao 061.

RECOMENDACIÓNS PARA O FOGAR

- Lavar as mans con auga e xabón ao entrar na casa e a miúdo durante a estancia na mesma

- Crear hábitos e recordatorios para evitar tocar a cara e cubrir boca e nariz ao esbirrar ou tusir

- Desinfectar con regularidade obxectos e superficies que se tocan regularmente como tiradores das portas, mesas e pasamáns

- Ventilar a miúdo, abrindo ventás ou axustando o aire acondicionado

- Lémbrase a necesidade de quedar na casa e só saír para actividades imprescindibles

FOGARES ONDE HAXA PERSOAS CON CORONAVIRUS

- Proporcionar á persoa enferma unha habitación individual, se é posible, e manter a porta pechada. Se isto non é posible, nunha habitación que garanta unha distancia mínima de 2 metros co resto de membros do fogar

- Unha única persoa deberá prestarlle coidados. A persoa coidadora realizará a hixiene de mans antes e despois do contacto e deberá protexerse con luvas, mandil de plástico e máscara se é posible

- Evitar compartir coa persoa enferma artigos do fogar de uso persoal. É preferible usar material desbotable

- É importante asegurar diariamente unha correcta limpeza das superficies e os espazos. A desinfección pódese facer con lixivia rebaixada ou con auga osixenada

- Habilitarase un baño para uso exclusivo do paciente. No seu defecto, limparase con lixivia despois de cada uso

- Cómpre dispoñer dun teléfono móbil ou intercomunicador

- Para os residuos xerados no coidado da persoa enferma, é aconsellable ter un caldeiro de lixo con pedal na propia habitación e no seu interior unha bolsa de plástico resistente que se poida pechar (por exemplo con cinta de embalar).

- Non se require un tratamento especial para a roupa da persoa enferma, e tampouco é necesario vaixela desbotable. Os pratos e cubertos que use a persoa pódense lavar na lavalouza

- A persoa enferma non debe manipular nin tocar as mascotas ou outros animais pese a que non hai datos que indiquen que os animais de compaña infectados poidan propagar o virus causante do COVID-19

- Se resulta imprescindible saír ás zonas comúns do domicilio, o paciente realizará hixiene de mans ao saír da habitación, empregará máscara cirúrxica e manterase a unha distancia mínima de 2 metros