Indignación entre os residentes da rúa Augusto García Sánchez pola presenza continua de "gorrillas" consumindo alcohol

Pontevedra
02 de xaneiro 2024

Denuncian que, durante estas festas, permanece un mínimo de tres persoas debaixo dos soportais e que, a medida que avanza o día, chegan a preto dunha decena, consumindo alcohol e sustancias estupefacientes. Alertan de que esta situación está a producirse nas proximidades do colexio de Campolongo sen que a Policía Local e o Concello de Pontevedra adopten medidas

Persoa consumindo alcohol na rúa Augusto García Sánchez PontevedraViva

Residentes da rúa Augusto García Sánchez, no barrio pontevedrés de Campolongo, están cansados da situación que se repite constantemente nesta zona debido á presenza dos denominados "gorrillas", persoas que se dedican a aparcar coches a cambio dunhas moedas, nos soportais dos edificios desta contorna.

Denuncian que sempre hai un mínimo de tres persoas asentadas baixo eses soportais, situación que consideran "moi desagradable" para a veciñanza que ten acceso ás vivendas. 

Sinalan que normalmente permanecen tres persoas a primeiras horas da mañá nesta galería privada de uso público e, a medida que avanza o día, vanse sumando ata ao redor de oito persoas que se dedican a consumir alcohol e substancias estupefacientes na rúa coas litronas esparexidas pola beirarrúa e soportais.

Estes veciños indican que mesmo instalan cadeiras de praia para pasar a xornada neste espazo, que deixan sucio.

Advirten de que a Policía Local non actúa malia que o consumo de alcol na rúa é continuo por parte destas persoas, incumprindo tanto a Lei de Saúde da Xunta de Galicia e a ordenanza municipal que prohiben "o consumo en grupo de bebidas alcohólicas na vía pública, parques e prazas públicas e outros lugares de tránsito público". Lembran tamén que toda esta situación se produce a escasos metros do colexio público de Campolongo ante a presenza de menores de idade que acceden ao centro escolar.

Os residentes manifestan que o Concello de Pontevedra tampouco atende as súas demandas ante unha situación que se mantén no tempo sen perspectiva de solución.