"Indignación" dos comuneiros de Mourente co Concello por cobrarlles o IBI dos terreos de Montecelo

Pontevedra
25 de decembro 2023

"A indignación é cada vez maior entre os comuneiros de Mourente", subliñan nun comunicado, porque consideran unha "burla" que o Concello de Pontevedra pretenda cobrarlles por un edificio que é un hospital público e pertence ao Sergas

Hospital Montecelo Mónica Patxot

A comunidade de montes de Mourente denuncia que recibiu tres notificacións de cobro do imposto de bens inmobles (IBI) polos terreos que ocupa o Hospital de Montecelo e que son da súa propiedade. Os tres recibos suporían un pagamento de 116.523 euros.

Estes recibos corresponderían ás tres parcelas catastrais nas que están divididos os terreos que foron declarados polos tribunais como monte veciñal en man común da parroquia de Mourente. 

Os comuneiros amosaron o seu "abraio e desagrado", posto que a lei de montes veciñais e tamén a lei reguladora das facendas locais declara exentos os bens comunais e os montes veciñais en man común.

Así, presentaron en prazo o correspondente recurso e, no caso de que non sexa atendido, acudirá aos tribunais correspondentes

Pero mentres tanto, "a indignación é cada vez maior entre os comuneiros de Mourente", subliñan nun comunicado, porque consideran unha "burla" que o Concello de Pontevedra pretenda cobrarlles por un edificio que é un hospital público e pertence ao Sergas.

Ven "absurdo" que se emitan recibos das parcelas veciñais, incumprindo a propia lexislación que regula as corporacións municipais e ante a reiteración deste problema sospeitan que detrás das repetidas "torpezas" na emisión destes recibos, hai intereses político ou económicos.

O intento de cobrar o IBI ás comunidades de montes "non é un problema só de Mourente nin se reduce á presente anualidade", xa que esta entidade asegura que o Concello desde hai máis de dúas décadas, emite anualmente varios recibos referidos a terreos dos comuneiros.

Estes feitos, aseguran, provocan que as comunidades de montes teñan que gastar anualmente miles de euros en presentar recursos legais, "que normalmente prosperan aínda que nalgúns casos obrigou a comunidades como Salcedo ou Campañó a acudir a tribunais superiores".

"É un problema provocado polo propio concello e que lles obriga a gastar uns recursos que deberían estar dedicados ao coidado do monte", destacan desde os comuneiros de Mourente.

Despois de dous meses agardando por unha xuntanza cos asesores técnicos e legais de ambas as partes, a Mancomunidade de Montes de Pontevedra advirte que "está tomando forma" a opción de acudir aos tribunais.

O obxectivo non é só que se pronuncien definitivamente sobre a exención establecida na lexislación, senón denunciar tamén por prevaricación aos correspondentes servizos e responsables municipais.