O coronel xefe da Comandancia da Garda Civil, o coronel Simón Venzal; a comisaria xefa provincial de Pontevedra, Estíbaliz Palma e o comisario xefe da Comisaría de Vigo Redondela mantiñan un encontro este mércores coa subdelegada do Goberno, Maica Larriba, con motivo da reunión da xunta provincial de seguridade.
Segundo afirmaba ao termo da reunión a subdelegada do Goberno, Pontevedra é unha "provincia segura". O número de infraccións por cada mil habitantes sitúase en 28 fronte ao 45 que se establece na media estatal. Está "moi por baixo da media nacional" indicou Maica Larriba.
Neste sentido, afirmou que as estatísticas soben en casos de delitos contra o patrimonio porque se inclúen os ciberdelitos, que están a proliferar como veñen alertando nos últimos tempos as forzas de seguridade. Ademais, os responsables da seguridade na provincia incidiron en que a porcentaxe de esclarecemento dos delitos é "altísimo", rolda o 50% tanto en casos que son responsabilidade da Garda Civil como nos que corresponden á Policía Nacional.
Larriba tamén aseguraba que as medidas de seguridade viaria están a dar magníficos resultados cun incremento considerable de intervencións para evitar condutas de risco ou detectar comportamentos delituosos que afectan á seguridade nas estradas, con controis de alcoholemia e de consumo de substancias estupefacientes.
Fixo referencia a que se segue combatendo o tráfico de drogas, tanto a pequena como a gran escala, e citou a operación desenvolta en Marín, nunha operación na que estaban implicadas as provincias de Pontevedra, Madrid e Alacante, cun amplo dispositivo de coordinación dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado.
VIOLENCIA MACHISTA
A subdelegada tamén quixo facer mención sobre o incremento de denuncias de casos de violencia de xénero. Lembrou que nestes casos as actuacións por parte das forzas de seguridade son inmediatas e non hai tempos de espera tan pronto como as vítimas ou a súa contorna denuncie a situación.
Nesta liña, quixo corresponsabilizar a toda a sociedade nestes casos indicando que é moi doloroso que cando se produce un destes asasinatos e recentemente houbo "situacións terribles" co de Valga, se escoite que "iso se vía vir ou un día ou outro tiña que pasar. Iso non pode ser", apuntou Larriba.
Lembrou que hai un teléfono, o 016, que non deixa pegada e que está para denunciar este tipo de situacións. Sinalou tamén que as estatísticas mostran que cada vez denuncian máis as mulleres maiores de 60 anos que se viron sometidas a este tipo de delitos.
No primeiro trimestres de 2019 efectuáronse 592 denuncias por casos de violencia de xénero, 116 máis que no mesmo período de 2018.