Este venres 31 celébrase o Día Mundial contra o Cancro de Colon, o tumor de maior incidencia en España. O servizo de Aparello Dixestivo do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP) avanza que poñerá en marcha novos sistemas de intelixencia artificial coa intención de mellorar a detección de tumores e lesións premalignas no cribado deste cancro.
Pontevedra, con preto dun milleiro de casos anuais, sitúase entre as vinte provincias con maior incidencia en España. Por este motivo, desde a área sanitaria lembran a importancia de detectar e extirpar os pólipos antes de que se convertan en tumores, ademais de detectar cancros nas súas primeiras fases. O cribado de cancro colorrectal realízase en poboación con idades comprendidas entre os 50 e os 69 anos.
Nas próximas semanas incorporarase o PolyDeep, un sistema que detecta e clasifica pólipos colorrectais en tempo real, a través do uso de intelixencia artificial. Este sistema servirá de apoio nas probas de colonoscopia do cribado do cancro colorrectal.
Este recurso inclúese no marco dun proxecto de investigación do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur no que colabora a Universidade de Vigo e as áreas sanitarias de Pontevedra-O Salnés, Vigo e Ourense a través dos servizos de Aparello Dixestivo.
Juan Turnes, xefe do servizo no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, sinala que este tipo de sistemas de intelixencia artificial "necesitan aprender". Por este motivo circulará polos tres hospitais da área sanitaria (Montecelo, Provincial e Hospital do Salnés) co obxectivo de ampliar ao máximo o número de imaxes diferentes que procesa e, desta forma, ser máis preciso.
O sistema PolyDeep conéctase aos aparellos de endoscopia e apoia o persoal encargado de realizar a proba. O seu uso incrementa, entre un 5% e un 10%, o número de pólipos que un endoscopio é capaz de detectar.
No servizo que dirixe Turnes levan máis dun ano de experiencia traballando con sistemas similares. No momento actual dispoñen dun equipo con características similares co que levan traballando desde febreiro de 2022 con resultado moi positivo ao aumentar a confianza do profesional ao evitar que se pasen por alto determinadas lesións, indica o xefe do servizo.
O CHUP incorporará tamén outros dous sistemas con intelixencia artificial ao cribado de cancro colorrectal nos próximos meses. Serán introducidos en fase de adestramento e avaliación a través dun proxecto cunha das principais casas comerciais de endoscopia dixestiva. Juan Turnes considera esta experiencia "moi positiva" ao ofrecer estas tecnoloxías aos pacientes e ao reflectir a confianza que as compañías que desenvolven estes sistemas teñen no traballo que se realiza na área sanitaria.