'Move o cu', a campaña da AECC para loitar contra o sedentarismo, unha das causas do cancro de colon
Por Anxo Lourido
Baixo o provocativo lema de 'Move o cu', integrantes da Asociación Española contra o Cancro (AECC) en Pontevedra repartían este venres información sobre a importancia da detección precoz no diagnóstico do cancro de colon.
Rebeca Castro, técnica de prevención do servizo da AECC en Pontevedra, manifestaba ante unha das mesas informativas instalada na contorna da Glorieta de Compostela que con esta campaña tentan chamar a atención para que a xente se active e comprenda a importancia de manter un estilo de vida saudable, coidando a alimentación, evitando o sedentarismo, o vicio de fumar e o sobrepeso. Todos eles son factores de risco e, por iso, desde a asociación lembran tamén a importancia de que a poboación de idades comprendidas entre os 50 e os 69 anos realice a proba de cancro de colon.
Segundo os datos que manexa este colectivo, nove de cada dez casos desta enfermidade son curados se é detectado a tempo. Actualmente, en Galicia, o 45% das persoas que reciben a invitación por parte do Servizo Galego de Saúde para realizar o cribado participan nunha proba cada vez máis sinxela ao entregarse directamente o kit nos domicilios.
O cribado do cancro colorrectal realízase a través dun test de sangue oculto nas feces (TSOF) e cada dous anos debe repetirse.
Castro explicou que nun estudo realizado pola AECC comprobaron que un amplo número de persoas non realiza a proba ao atoparse ben de saúde, unha decisión errónea segundo argumenta a técnica de prevención, xa que o cancro é unha "enfermidade silenciosa". Tamén se rexistran casos en que a poboación non recibiu a invitación ao non actualizar o domicilio da súa tarxeta sanitaria. "É necesario actualizalo", explicaba Rebeca Castro.
No caso da sanidade privada, desde a AECC recomendan á poboación nesa franxa de idade que acuda ao seu médico e pida a proba. "Que reivindiquen o seu dereito", explica para facer fronte ao cancro máis frecuente. En España en 2022 diagnosticáronse 41.646 casos, a maioría deles responden a un estilo de vida pouco saudable.