Incontinencia fecal e patoloxías do solo pelviano analízanse na Xornada de Cirurxía Coloproctolóxica en Montecelo

Pontevedra
10 de abril 2024
Actualizado: 30 de setembro

Este simposio médico celebrarase durante o xoves 11 e o venres 12 de abril no Complexo Hospitalario, organizado polo Servizo de Cirurxía Xeral e Dixestiva do CHUP. Exhibiranse en vídeo intervencións no solo pelviano nas que se empregan técnicas novidosas utilizadas no quirófano, entre as que se inclúen cirurxía aberta, laparoscópica e robótica

Cartel da XIII Xornada de Cirurxía Coloproctolóxica Área sanitaria de Pontevedra e O Salnés

Este xoves 11 e o venres 12 de abril, o salón de actos do Hospital Montecelo acollerá a XIII Xornada de Cirurxía Coloproctolóxica, que organiza o servizo de Cirurxía Xeral e Dixestiva do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP).

Durante estas sesións van tratarse as últimas técnicas cirúrxicas para tratar as incontinencias e patoloxías relacionadas co solo pelviano coa presenza de arredor dun centenar de profesionais da cirurxía e de outras especialidades como uroloxía e xinecoloxía, ademais de enfermaría que proceden tanto de España como de Portugal.

Exhibiranse en vídeo intervencións no solo pelviano nas que se empregan técnicas novidosas como a cirurxía aberta, laparoscópica e robótica. Tamén se desenvolverán conferencias e mesas redondas sobre estas técnicas.

José Flores Arias, xerente da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés, será o encargado de inaugurar esta xornada ás 16.00 horas do xoves 11. A continuación celebrarase a primeira mesa redonda na que se tratará a incontinencia fecal.

O doutor Alberto Parajó Calvo, presidente do comité organizador e xefe de servizo de Cirurxía Xeral e Dixestiva, explica que neste evento “os profesionais asistentes actualizarán coñecementos sobre as últimas técnicas cirúrxicas para tratar incontinencias e patoloxías do solo pelviano” sinalando que estas doenzas varían entre leves, nas que os pacientes só perden gases, ata graves cunha perda total do control da continencia.

A incontinencia fecal repercute en arredor do 2% da poboación española, segundo o CHUP, e afecta tanto a homes como a mulleres, sendo estas últimas as máis afectadas debido a que durante o parto se poden rexistrar lesións dos esfínteres anais. Vólvese máis común co paso dos anos xa que os músculos do esfínter se debilitan.

Alberto Parajó recoñece que esta incontinencia se asocia co drama social xa que algúns pacientes evitan solicitar tratamento aínda que estea afectando á súa calidade de vida. “Pódese tratar eficazmente. Por iso é importante enviar a mensaxe de que a incontinencia anal e os prolapsos de órganos pélvicos poden tratarse con éxito, ben con cirurxía, ben con tratamentos pélvicos e outras técnicas”, manifesta o doutor.