Un incidente na entrada dun local de copas remata cunha parella detida por enfrontarse á Policía Local

Pontevedra
01 de xaneiro 2025

A detención dun home e unha muller na rúa Benito Corbal foi o único incidente reseñable da Noitevella pontevedresa, que "transcorreu con tranquilidade". Empurraron a axentes municipais

Policía Local de Pontevedra na rúa Benito Corbal | ARQUIVO
Policía Local de Pontevedra na rúa Benito Corbal | ARQUIVO Diego Torrado

Un home e unha muller acabaron detidos durante a madrugada deste 1 de xaneiro logo dun incidente ás portas dun local de copas da rúa Benito Corbal de Pontevedra. 

Segundo a información facilitada polo Concello de Pontevedra, o porteiro dun local desta zona solicitou a presencia da Policía Local por un individuo que amosaba un comportamento agresivo.

Cando os axentes chegaron ao lugar, localizaron unha muller que estaba tentando acceder ao local. Segundo puideron comprobar os policías, presentaba "unha evidente inxesta de alcol".

Os axentes apartaron esta muller e, como resposta, ela empurrou un dos policías. Como resultado, detivérona.

Nese momento, a súa parella tentou impedir o arresto e empurrou outro dos axentes. Como consecuencia, os dous foron finalmente detidos por un delito de atentado á autoridade.

Esta detención dobre foi o único suceso que destaca a Policía Local durante a Noitevella pontevedresa. 

Así, fontes municipais indican que a madrugada transcorreu "con tranquilidade" e "sen incidentes reseñábeis" máis aló deste arresto.