Incendio nun barco do estaleiro de Nodosa en Marín

Marín
03 de decembro 2024
Actualizado: 14:55

O lume inicíabase arredor das 10.47 horas deste martes 3 e foi necesario mobilizar equipos dos parques de Vilagarcía, Morrazo e Ribadumia, segundo indica o 112 Galicia

Traballos no astaleiro de Nodosa

Un incendio na adega dun barco atracado no estaleiro de Nodosa, na Avenida de Ourense no Porto de Marín, activou na mañá deste martes 3, ás 10.47 horas, os equipos de emerxencia.

O 112 Galicia recibiu o aviso de que había lume a bordo.

A orixe do incendio está a investigarse e aínda non foi determinado.

Os primeiros en tentar sufocar as lapas foron os propios traballadores do estaleiro, pero a intensidade do lume e do fume obrigou á intervención dos bombeiros.

Desde o Consorcio Provincial de Bombeiros de Pontevedra mobilizáronse equipos dos parques de Vilagarcía, Morrazo e Ribadumia, que ao mediodía continuaban a traballar para localizar o foco do incendio.

As tarefas enfrontáronse a unhas condicións complicadas debido ao fume intenso.

Non se rexistraron feridos, segundo a información facilitada polo servizo do 112 Galicia.

No lugar tamén se achegaron axentes da Policía Nacional e Local, así como voluntarios de Protección Civil de Marín, que colaboraron para garantir a seguridade.