Un total de 201,5 quilos de pescada máis pequena do legalmente establecido. É a cantidade de peixe que comisaron axentes da Garda Civil e do servizo de Gardacostas de Galicia nunha operación conxunta desenvolvida entre Bueu e Marín.
Todo parte da primeira destas localidades. Alí, as autoridades descubriron a principios de pasado mes de novembro que no porto estaba a descargarse pescada de tamaño antirregulamentario.
A desestiba deste peixe facíase a unhas horas intempestivas para evitar ser descubertos. Ademais, as persoas responsables desta descarga ilegal deseñaron un dispositivo especial de seguridade e vixilancia en torno ao peirao para evitar ser sorprendidos.
Con toda esa información, a Garda Civil e o servizo de Gardacostas despregaron un operativo para interceptar unha das descargas previstas.
O barco pesqueiro que esperaban, con todo, cambiou o rumbo de forma imprevista a última hora e dirixiuse ao peirao de Marín.
Esta manobra de distracción foi detectada polos membros do operativo de control e seguimento do barco, que chegaron ao porto de Marín no momento no peixe estaba a ser descargado en dous vehículos. Os axentes interceptáronos cando tentaban xa abandonar o porto.
A operación supuxo a incoación de tres actas por infraccións administrativas que instrúe o servizo de Gardacostas, cuxa competencia sancionadora corresponde á Xunta de Galicia, ademais da incautación dos dous vehículos e o comiso do peixe intervido que foi entregado nun comedor social.